Via Alfoz fai balance do alto custe do Mercado Medieval

AMariñaXa
O grupo municipal de Via Alfoz vén de facer balance do custe "dun evento marcado pola pésima organización por parte do goberno local".
Mercado medieval Alfoz
18 Ago 2022

O grupo municipal de Via Alfoz vén de facer balance do custe "dun evento marcado pola pésima organización por parte do goberno local".

O Mercado Medieval, que este ano organizou “en exclusiva o Concello de Alfoz", "xa acumula, de momento, máis de 13.000 euros de gastos", segundo os datos iniciais aos quee tivo acceso Via Alfoz.  Para a formación independente isto supón un auténtico dispendio, tendo en conta o nefasto resultado do mercado onde “apenas había media ducia de postos fronte ao medio cento que se podía ver nas últimas edicións”.

Desde Via Alfoz consideran que a organización desta edición "mostra a falta de coñecemento e de capacidade de xestión do actual goberno municipal, quen vén de tirar por terra todo o traballo feito pola veciñanza de Alfoz nos máis de vinte anos de existencia dunha cita que, outrora, era recoñecida en Galicia entre as festas de recreación histórica". Un evento que, "segundo lle indicaba Jorge Val aos antigos organizadores, nós somos capaces de organizalo en catro días”. 

Por outra banda, criticaron a actitude que o alcalde Jorge Val mantivo na última sesión plenaria, na que, preguntado polo Mercado Medieval, entre outros asuntos de interese, “impediu o debate entre os membros do Pleno mostrando unha conducta autoritaria, que noutros tempos el tanto criticaba”. Neste sentido Via Alfoz considera que o actual goberno está sumido na vella política clientelar esquecendo a xestión do Concello e indican que “Jorge Val converteuse nun alcalde de perfil baixo que antepón o favor persoal, o asfalto e o foco, actuacións que antes censuraba, no canto de encargarse de xestionar os grandes retos aos que se ten que enfrontar o noso Concello”. 

CELEBRACIÓN DA ASEMBLEA XERAL DE VIA ALFOZ

Na última reunión da Dirección Executiva de Via Alfoz decidiuse celebrar a Asemblea Xeral Ordinaria o vindeiro domingo 13 de novembro. Nesta asemblea elixiranse os membros da nova Dirección Executiva, que será a encargada de elixir a candidatura para as eleccións municipais de 2023. Unhas eleccións as que se pretenden presentar coa intención de darlles aos veciños e veciñas de Alfoz unha alternativa distinta na que confiar, incidindo en que “Via Alfoz chegou para que en Alfoz houbese un cambio, pero non un cambio de persoas senón de formas de gobernar que garantan o futuro do noso pobo. Porque, unha vez máis, estamos convencidos de que Alfoz ten futuro”, subliña Xabier Pardiñas, candidato nas pasadas eleccións e actual voceiro de Via Alfoz.

0.16001200675964