Vestas inicia o periodo de consultas do ERE
O comité de empresa de Vesta vén de informar sobre a reunión mantida hoxe convocada pola empresa en relación ao comezo do periodo de consultas no marco do ERE presentado.
Logo de varios intentos por parte do comité de retrasar o comezo do devantido periodo, non foi posible quedando definitivamente aberto o proceso de ERE maneira oficial o que suporá o despedimento de 115 persoas.
Dende o comité destacan "a mala fe da empresa que non valorou en absoluto retrasar o inicio do periodo de consultas para poder celebrar unha reunión industrial, previamente convocada dende a Xunta", din.
Desde o comité "queremos expresar o nosa indignación e repulsa ante este feito e comunicar a todolos traballadores que loitaremos por unha saída digna deste conflito", indicaron.
O día anterior o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reiterou o ofrecemento da Xunta de Galicia a colaborar co Goberno na busca dunha solución para Vestas para abordar conxuntamente o proceso de negociacións do ERE e, a partir de aí, traballar tamén sobre o futuro industrial e o mantemento do emprego.
Así, anunciou o acordo durante o encontro de constituír unha mesa industrial entre os sindicatos, o comité de empresa, o Goberno central –a través do Ministerio de Industria e o Ministerio para a Transición Ecolóxica– e a propia Xunta de Galicia para “identificar posibles solucións que permitan o obxectivo compartido que é manter o emprego”, asegurou.