Verónica Ramallal: “O importante non é desde onde o fas, senón o que fas”

Por Ana Somoza.
Verónica Ramallal Trevín fala coa serenidade de quen aprendeu a xestionar o éxito sen perder o pé no chan. Natural da Pontenova e fundadora da axencia de márketing dixital Pekecha, volve ser incluída por segundo ano consecutivo na lista das 100 Mulleres Líderes en España, dentro da categoría de Startups e Profesionais Independentes. “É sen dúbida un gran recoñecemento, pero tamén unha enorme responsabilidade”, comenta. “O obxectivo destas listas é visibilizar o talento e o traballo das mulleres, pero sobre todo servir de inspiración ás novas xeracións”.
A noticia chegoulle, lembra, “primeiro por unha chamada e despois por un correo oficial”. Aínda que xa coñecía o proceso, confesa que volveu sentir sorpresa e algo de vertixe. “Cando ves o teu nome xunto ao de profesionais de tanto nivel, o primeiro que pensas é se realmente mereces estar aí. Pero ao mesmo tempo é unha forma de estímulo, de recordarte que hai moito camiño por facer e moitas mulleres que, aínda que non saian nas listas, o merecen tanto ou máis ca ti”.
Para Verónica, este tipo de recoñecementos teñen un valor simbólico e práctico. “Serven para unir forzas, crear sinerxías e facer que as mulleres que levamos tempo neste camiño poidamos tender pontes con aquelas que están a empezar. É, en definitiva, unha forma de avanzar xuntas”.
Traxectoria
A súa relación coa comunicación comezou hai máis de dezaseis anos e, dende hai case catorce, dirixe Pekecha, unha axencia que medrou apostando polo talento local e o traballo en rede. “Se tivese que definir estes anos nunha palabra, sería adrenalina”, resume. “Houbo intensidade, crecemento persoal e profesional, e tamén moita aprendizaxe. O mundo da comunicación e do marketing cambiou a unha velocidade de vertixe: ferramentas, formatos, linguaxes, hábitos... mesmo a forma na que nos relacionamos cambiou completamente”.
O que máis lle gusta, di, é que “nunca hai dous días iguais”. Mais tamén recoñece o desgaste: “É un traballo que esixe estar en formación constante, con milleiros de frontes abertas, e cando es CEO dunha empresa pequena, o horario non é de nove a cinco, é de 24x7x365”.
Aprendeu, con todo, a relativizar. “O tempo ensínate a priorizar, a entender que o rendemento non pode ser infinito e que o éxito sen saúde ou sen vida persoal deixa de ter sentido”.
Preguntada polos retos máis grandes da súa traxectoria, non dubida: “Aprender a xestionar o estrés e perder o medo á incerteza. Hai que saber adaptarse, coñecer de todo un pouco, mellorar habilidades sociais e, sobre todo, xestionar o tempo. Iso é o máis difícil”.
Rural
Verónica é unha das caras máis visibles dun movemento que demostra que a innovación e o emprendemento tamén teñen acento rural. “Aínda que nacín en Suíza, dende os seis anos vivo na Pontenova. As miñas raíces están aquí e teño un vínculo moi especial co rural. Aquí aprendes o valor da proximidade, da axuda mutua, de coñecernos todos. É outra filosofía de vida”.
Cando decidiu fundar Pekecha, tivo claro que quería facelo dende a súa terra. “Durante os meus primeiros anos traballando en medios de comunicación e en márketing dixital, decateime de que había unha distancia abismal entre as axencias urbanas e as zonas rurais. Non se coñecían as necesidades reais do territorio. Faltaba personalización, empatía, comprensión humana dos proxectos”.
Foi esa fenda a que a levou a actuar: “Vin unha xanela enorme para o rural e para a deslocalización grazas ás ferramentas dixitais. Pero había que formar, acompañar e demostrar que se podía facer o mesmo —ou mellor— sen marchar da túa terra”.
Recoñece que non foi doado. “Enfrontas dificultades de todo tipo: loxísticas, de comunicacións, de percepción... E se ademais es muller e nova, a incredulidade multiplica. Mesmo na miña familia, ao principio, custáballes explicar a que me dedicaba”.
Pero tamén asegura que o tempo acabou poñendo as cousas no seu sitio. “Agora todo o mundo fala de teletraballo, de marca persoal, de vender por Internet... Hai quince anos era case ciencia ficción. O cambio é enorme”.
Preguntada polo consello que lle daría a alguén que quere emprender dende un concello pequeno, responde sen dubidar: “O tamaño non importa. O importante é ter claro o que fas e amar de verdade o teu proxecto. Se hai paixón e traballo, as horas deixan de contar. E, sobre todo, non importa desde onde o fas, senón o que fas”.
Para ela, o rural é hoxe un territorio cheo de posibilidades. “Hai máis oportunidades ca nunca. A flexibilidade, a menor saturación de servizos e a calidade de vida fan que o rural sexa unha tendencia de futuro. Iso si, fan falta mellores comunicacións e infraestruturas. Con ese apoio, moita máis xente podería instalarse e emprender con garantías”.
Mulleres
Outra das facetas que máis satisfacción lle achegan é o mentoring e a formación, especialmente en proxectos liderados por mulleres. “O mellor desta parte son os vínculos que se crean coas persoas e cos soños que hai detrás de cada proxecto”, explica.
Di que hai “moito talento e moita ilusión”, pero tamén medo e falta de orientación. “Compartir coñecemento é un luxo. A que emprende achega vitalidade e enerxía; a mentora, experiencia e realismo. É unha relación simbiótica, e ambas partes aprenden”.
Cando se lle pregunta se as mulleres seguen atopando máis obstáculos, é clara: “Si, pero é un tema cultural e educacional. Falta cultura emprendedora de base. E despois está a burocracia, que cada vez é maior. Ese é o verdadeiro inimigo”.
Tamén considera que as administracións deberían revisar o enfoque dalgúns programas. “Hai moitas iniciativas ben intencionadas, pero sen seguimento real. Outras están completamente alleas á realidade dun emprendedor, deseñadas por quen nunca emprendeu. E iso, para un mercado que cambia tan rápido, é un erro”.
Para Verónica, a igualdade real pasa pola educación: “Non abonda con dar axudas se non se forma, se non se entende o que implica emprender. O apoio debe ser integral, práctico e sostible no tempo”.
Futuro
Desde Pekecha, Ramallal céntrase en acompañar empresas e institucións na súa dixitalización. O avance é innegable, pero aínda insuficiente. “As pemes galegas e rurais deron un salto enorme, pero aínda falta moita alfabetización dixital de proximidade. Non se pode aplicar a mesma receita para todos. Hai que personalizar”.
Sobre o papel da intelixencia artificial, é contundente: “Vai supoñer un cambio radical. Hai que adaptarse ou morrer. Non só axudará a mellorar a produtividade e os procesos, tamén a desenvolver criterio, a distinguir o real do falso. Movémonos en augas movediças, e o discernimento será clave”.
O seu reto persoal e profesional é “seguir aportando, seguir mantendo a ilusión e ser feliz co que fago”. Di que tamén quere “descansar un pouco” e conciliar. “A vida é breve e hai que vivila con plenitude”.
No plano máis íntimo, Verónica define a súa paixón con tres verbos: escoitar, comunicar e compartir. “Encántame falar coas persoas, coñecer as súas ideas, as súas historias. Ningún día é igual. E cando algo sae ben, sigo sentindo a mesma emoción que no primeiro proxecto. Iso é o que me mantén viva”.
Cando se lle pide unha frase que resuma a súa filosofía de vida e de empresa, pensa uns segundos e responde: “Vive e deixa vivir. Aporta e recolle. Sé feliz co que fas e tenta que todo o que te rodea flúa”.
Un lema que encaixa á perfección coa traxectoria dunha muller que demostrou que o talento tamén medra —e florece— entre montes, ríos e conexións humanas, nun recuncho chamado A Pontenova.