A pontenovesa Verónica Ramallal repite como candidata entre as 100 mulleres líderes de España

A emprendedora e comunicadora Verónica Ramallal Trevín, natural da Pontenova e CEO da axencia de marketing dixital Pekecha, foi novamente incluída na lista das 100 Mulleres Líderes en España, dentro da categoría de Startups e Profesionais Independentes. Trátase da segunda vez que a profesional mariñá figura neste prestixioso ranking nacional, despois de ser recoñecida tamén o pasado ano.
Este recoñecemento, promovido pola xornalista e emprendedora Mercedes Wullich, destaca o talento e o liderado de mulleres que están a transformar o panorama profesional desde diferentes ámbitos: a empresa, a cultura, a ciencia, o deporte ou a innovación. Desde a súa creación en 2011, Las Top 100 Mujeres Líderes converteuse nunha plataforma de referencia para visibilizar o papel da muller e fomentar redes de colaboración e apoio entre profesionais.
Verónica Ramallal conta con máis de 16 anos de experiencia vinculados ao mundo da comunicación e leva case 14 á fronte de Pekecha, unha axencia que se distingue pola súa aposta polo local, polo pequeno emprendemento e polo territorio rural. “Dende o comezo tivemos claro que queriamos traballar para xerar oportunidades aquí, no noso entorno, e poñer en valor o talento que hai no rural”, sinala.
Ademais da súa faceta empresarial, Ramallal está fortemente vinculada á formación e ao mentoring en proxectos de emprendemento, con especial atención ao impulso do talento feminino. Colabora habitualmente con organismos públicos autonómicos e nacionais, centrando a súa actividade na incorporación das novas tecnoloxías a negocios e institucións. “O dixital é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento e a igualdade de oportunidades, especialmente nas zonas rurais”, subliña.
A súa inclusión por segundo ano consecutivo entre as Top 100 Mujeres Líderes supón, segundo explica, “un recoñecemento que non é só persoal, senón tamén colectivo. Representa a todas esas mulleres que desde o rural apostamos por innovar, emprender e crear futuro dende aquí”.
Esta nova edición da lista, que se dará a coñecer oficialmente nas próximas semanas, volverá poñer o foco nas traxectorias femininas máis inspiradoras e no seu impacto social e económico. Desde a organización destacan que o obxectivo é continuar impulsando unha sociedade máis diversa, equitativa e comprometida coa igualdade real.