Vegadeo convoca o V Premio “Ría del Eo” para poetas en galego-asturiano

O Concello de Vegadeo acaba de abrir a convocatoria da quinta edición do Premio de Poesía “Ría del Eo”, unha iniciativa que pretende recoñecer a creación literaria en galego-asturiano e contribuír á preservación e dignificación desta lingua propia do occidente asturiano. O certame está dirixido a todas as persoas maiores de idade que non teñan vinculación coa organización e permite presentar ata tres poemas orixinais e inéditos por autor ou autora.
O prazo para entregar as obras estenderase desde o 1 de xullo ata o 1 de setembro de 2025. Os textos deberán estar escritos en galego-asturiano, conforme ás Normas Ortográficas de 2007, e non superar os 250 versos. Cada obra presentarase sen asinar, identificada cun lema ou pseudónimo, e acompañada dun sobre pechado que conteña os datos da persoa participante.
O galardón consistirá nun premio único de 1.500 euros, sometido ás retencións fiscais correspondentes. O fallo do xurado —formado por persoas nomeadas pola Alcaldía a proposta da Concellería de Cultura— darase a coñecer no mes de outubro e será inapelable. A entrega do premio celebrarase nun acto público durante o mes de novembro.
Desde o Concello da Veiga sinalan que a participación neste certame supón unha mostra de apoio á cultura local e á lingua galego-asturiana, que forma parte esencial do patrimonio inmaterial da comarca da Ría do Eo.