Vegadeo convértese en epicentro das artes escénicas coa celebración dos Encontros Teatrais Villamil

AMariñaXa
O Auditorio acollerá entre febreiro e abril unha nova edición do Memorial Félix Menéndez, cunha programación diversa e de balde protagonizada por compañías asturianas
recurso-teatro
5 Mar 2026

O Auditorio Félix Menéndez da Casa de Cultura de Vegadeo será escenario, entre os meses de febreiro e abril de 2026, dos XXVII Encontros Teatrais do IES Elisa y Luis Villamil, Memorial Félix Menéndez, unha cita xa consolidada no calendario cultural da comarca. As representacións celebraranse todos os domingos ás seis da tarde, con entrada gratuíta, e reunirán compañías procedentes de distintos puntos de Asturias e Galicia.

O ciclo dará comezo o domingo 8 de febreiro coa obra 'Los cuernos de Don Friolera', representada por Teatro Kumen, de Langreo, achegando ao público un clásico do teatro español.

Xa no mes de marzo, o domingo un presentarase 'Mi nombre es Medea', da compañía La Peseta Teatro, tamén de Xixón. O domingo oito será a quenda de 'Tres sainetes', da Compañía Asturiana de Comedias, mentres que o domingo quince chegará 'Dona Clara', posta en escena polo grupo Ollomao, de Barreiros. O mes pecharase o domingo vinte e dous con 'Porque lo digo yo', de Teatro El Hórreo, procedente de Luarca.

Os encontros concluirán en abril con dúas funcións máis. O domingo doce representarase 'La maxa de la primer vez', de Teatro Carbayín, da Pola de Siero, e o domingo dezanove baixarase o pano con 'Delicadas', a cargo de Teatro Baluarte, de Puerto de Vega.

Este ciclo teatral rende homenaxe á figura de Félix Menéndez e consolídase como un espazo de difusión das artes escénicas, apostando por unha programación variada que combina clásicos, comedia e teatro contemporáneo, cun claro compromiso coa accesibilidade cultural e coa participación do público.

0.1190288066864