Vegadeo continúa a súa transformación urbana coa humanización da rúa Hermanas Fernández de la Vega

AMariñaXa
O Concello impulsa a segunda fase das melloras no recinto feiral, con novas beirarrúas, zonas verdes e unha parada de autobús accesible, nun proxecto financiado con fondos europeos.
VEGADEO-rua-Hermanas-Fernandez-de-la-Vega
7 Oct 2025

O Concello de Vegadeo continúa avanzando no seu plan de renovación urbana cunha nova actuación destinada a mellorar o entorno do recinto feiral, considerado o corazón social da vila e un dos espazos máis frecuentados polos veciños e veciñas do municipio.

Esta segunda fase céntrase na humanización da rúa Hermanas Fernández de la Vega, dando continuidade ás obras previas que xa permitiran mellorar a accesibilidade no primeiro tramo da maá. O proxecto, adxudicado á empresa Desarrollos y Metas S.L. por un importe de 119.268,11 euros, contempla a ampliación das beirarrúas, a incorporación de vexetación e a renovación integral da parada de autobús, que contará cunha marquesiña moderna, sostible e accesible.

Desde o grupo socialista destacan que esta intervención ten como obxectivo reducir o tráfico rodado e priorizar os desprazamentos a pé, convertendo o centro de Vegadeo nun espazo máis amable, seguro e habitable. Trátase, subliñan, dunha acción “que mellora a calidade de vida e reforza o carácter humano das rúas da vila”.

As obras enmárcanse no Plan de Impulso contra a Despoboación e para a Mellora da Calidade de Vida no Medio Rural, financiado con fondos europeos xestionados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Deste modo, o Goberno local continúa a súa estratexia de aproveitar “todos os recursos públicos dispoñibles” para transformar Vegadeo en clave de accesibilidade e sostibilidade.

O executivo municipal lembra que en anteriores fases tamén se executaron proxectos mediante o Área de Reurbanización e Rehabilitación Urbana (ARRU), os fondos do Consorcio de Augas do Principado de Asturias (CADASA) e outras liñas de financiamento europeo. “Estamos a xestionar e executar fondos públicos como nunca antes, respondendo ás necesidades reais da veciñanza máis alá das posibilidades económicas propias do municipio”, subliñan desde o PSOE local.

A pesar dos avances, o equipo de goberno admite que aínda quedan retos por diante e comprométese a seguir traballando “con responsabilidade e constancia” para atender novas demandas e seguir facendo de Vegadeo un lugar “moderno, verde e habitable”.

“Cumprimos o que prometemos”, aseguran, reafirmando a súa vontade de continuar buscando novos recursos e desenvolvendo actuacións que contribúan a un Vegadeo máis sostible, accesible e pensado para as persoas.

⚙ Configurar cookies
0.081532955169678