Vegadeo celebra o 14 de agosto a súa tradicional Feira Cabalar La Entreseca

AMariñaXa
A cita contará con exhibición de exemplares da Montaña Asturiana, paseos a cabalo, artesanía e menú campestre a prezos populares
Imaxe dun cabalo
7 Aug 2025

A parroquia de Vegadeo acollerá o vindeiro 14 de agosto unha nova edición da súa xa consolidada Feira Cabalar La Entreseca, un evento que mestura tradición gandeira, ocio familiar e gastronomía, e que se presenta como unha das propostas máis atractivas do verán na zona occidental asturiana.

Con colaboración da Asociación de Criadores de Gando Equino da Montaña Asturiana, algúns dos seus socios achegarán a Vegadeo varios dos seus mellores exemplares, ofrecendo unha mostra de beleza e potencia cabalar que fará as delicias de público de todas as idades. A cita busca poñer en valor a tradición equina da zona e promover o contacto coa natureza e o mundo rural.

A organización, da man do Concello de Vegadeo, programou tamén paseos a cabalo para nenos e nenas, unha actividade que cada ano gaña máis adeptos e que permite aos máis pequenos vivir a experiencia de montar un cabalo nun contorno seguro. Ademais, o recinto da feira contará con postos de artesanía, onde diferentes creadores e creadoras locais ofrecerán produtos feitos a man.

Un dos grandes atractivos da xornada será o servizo de bar e restaurante, cun menú especial ao prezo de 20 euros por persoa, que inclúe empanada, chourizo, churrasco, ensalada, sobremesa, pan, bebida e café. Os tíckets xa se poden adquirir na Panadería Reguera e no Bar Sampedro.

Desde o Concello convidan a veciñanza e visitantes a participar nunha xornada pensada para gozar en familia, recuperar costumes rurais e fomentar o consumo local. “Será un día para vivir con calma, saborear a nosa terra e compartir tradicións que seguen moi vivas en Vegadeo”, sinalan desde a organización.

⚙ Configurar cookies
0.11456918716431