Vegadeo, Castropol e Ribadeo demandan investimentos na A-8 e nas nacionais 640 e 642
Os alcaldes de Vegadeo, Castropol e Ribadeo demandan investimentos na A-8, nas nacionais 640 e 642, así como no ferrocarril e na senda verde. César Álvarez, Francisco Vinjoy e Daniel Vega, que mantiveron un encontro no Concello ribadense, apostan por manter estas xornadas de traballo para levar adiante diferentes iniciativas de xeito conxunto.
O rexedor ribadense explicou que “os alcaldes de ría unímonos máis que nunca nunha xornada de traballo que claramente lle agradezo ao alcalde de Castropol e ao alcalde de Vegadeo por acudir a esta reunión que se celebrou en Ribadeo e traballar conxuntamente e así garantir un futuro aos nosos municipios. Reivindicacións claras ante o goberno central para investir nos nosos municipios, nestes territorios que crecen e cada día teñen máis futuro”.
Vega apostou por investir nas infraestruturas, nas vías de comunicación e tamén mellorar os alumeados nos accesos ás vilas. “Creo que o goberno central debe tomar unha decisión rápida, urxente e investir nas nosas vías de comunicación”. O alcalde de Ribadeo considera que “debemos ser polos atractivos á inversión, traballar por asentar empresas. Coincidimos os tres alcaldes en que o solo industrial debe baixar o prezo, no noso caso Sepes, porque así vamos facer espazos máis atractivos á inversión”.
Tamén pide investimento “na nosa senda verde, é dicir seguir eliminando as plantas invasoras, ter ese cinto verde, que debe garantir a comunicación tamén non entorno da ría. E polo tanto son inversións, son reivindicacións claras ante un goberno central que debe investir e debe traballar conxuntamente”. Dani Vega engadiu que “foi unha xornada de traballo, unha xornada que debo agradecer aos alcaldes por entender que debemos estar máis unidos, máis que nunca e así traballar conxuntamente”.