Vegadeo busca nova realeza de prata para o 2025

AMariñaXa
As asociacións do concello poden presentar candidaturas ata o 21 de xullo para elixir ás persoas maiores que serán coroas no desfile do 14 de agosto
Reyes-de-Plata-Lena-Verde-VEgadeo-2024
17 Jul 2025

A asociación cultural Leña Verde vén de anunciar que xa está aberto o prazo para presentar candidaturas aos títulos de Rei e Raíña de Prata 2025. Esta peculiar elección, que se converteu xa nun dos momentos máis agardados das festas grandes de Vegadeo, permitirá que calquera asociación do concello propoña candidatas e candidatos maiores de 65 anos e empadroados en Vegadeo.

O prazo para presentar nomes remata o vindeiro 21 de xullo. A cita coa cabalgata, con música, cocos, cabezudos e moita troula, será o 14 de agosto, no marco do programa festivo de verán. O momento máis esperado será, sen dúbida, a coroación da nova realeza no Soutón, antes do xa tradicional encontro entre o Vegadeo C.F. e o Ribadeo F.C.

Conchita e Domingo, elixidos en 2024 con 121 e 284 votos respectivamente, deixan o listón moi alto. A súa elección realizouse nun proceso no que participaron preto de 900 persoas, depositando o seu voto en distintas urnas que foron instaladas, a modo de ruta, por diversos bares do municipio durante a hora do vermú.

A asociación Leña Verde anima a participar de novo nesta “celebración da experiencia e da alegría de vivir”, sinalando que “a resposta dos veciños cada ano é espectacular, e este 2025 agardamos que tamén sexa unha festa democrática, divertida e entrañable”. O certame promete emoción, rivalidade e moitas risas, e converterá un ano máis á vila nun exemplo de participación interxeracional e orgullo local.

⚙ Configurar cookies
0.16974186897278