Vegadeo acollerá o seu I Encontro de Autocaravanas
Co impulso do Concello de Vegadeo e a colaboración do Club Autocaravanista do Principado de Asturias e a Asociación Galega de Autocaravanas, a próxima fin de semana, 20, 21 e 22 de maio, Vegadeo acollerá o seu I Encontro de Autocaravanas.
O encontro dará comezo o venres, día 20, cunha pequena recepción e espicha de benvida aos autocaravanistas asistentes no Parque de Medal. Ademais os asistentes poderán gozar do mercado semanal pola mañá.
Xa o sábado, ás 11.00 horas, no Auditorio Félix Menéndez da Casa de Cultura, terá lugar a xornada-mesa redonda titulada Potencial do turismo en autocaravana e campers na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, na que participarán diversas persoas e entidades representantes e coñecedoras do sector.
O mesmo sábado, pola tarde, ás 17.00 horas e coa colaboración do Centro de Formación para o Consumo de Vegadeo e de fronte ao publico infantil, realizarase unha visita guiada ao centro e taller infantil Agasallo especial. Traballarase a importancia de coidar a natureza e o medio no que vivimos, elaborando con nosas propias mans un agasallo especial aprendendo a reutilizar diferentes residuos para darlles unha segunda vida. Está dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos e haberá aforo limitado a 15-20 nenos.
O domingo, ás 11.00 horas, realizarase unha visita guiada por Vegadeo. Saída desde a Oficina de Turismo.
Todas as actividades son tamén abertas para todas aquelas persoas que desexen participar previa inscrición a través do correo oficinaturismo@vegadeo.es ata completar o aforo e suxeito a confirmación.