Veciños do Vicedo denuncian o abandono bancario da localidade

Os veciños do Vicedo denuncian que, dende o peche da oficina de ABANCA na localidade, acceder a servizos bancarios converteuse nun auténtico problema. O único caixeiro automático dispoñible, segundo explican, está obsoleto e falla con frecuencia, deixando sen opcións ás persoas que precisan retirar diñeiro ou facer trámites esenciais.
Aseguran que esta situación afecta sobre todo á xente maior, que se ve obrigada a desprazarse ata outras localidades situadas a máis de 12 quilómetros para realizar xestións bancarias. Ademais, critican que os horarios do transporte público non permiten chegar a tempo para retirar efectivo antes de que as caixas pechen ás 11:00 da mañá.
"É unha vergoña que nos deixen nesta situación, obrigándonos a viaxar só para retirar cartos ou facer unha transferencia", denuncia un veciño afectado. Conta que xa acudiu ao Concello para pedir unha solución, pero só recibiu evasivas e "respostas vagas".
Os afectados tamén comparan a súa situación coa doutros municipios, onde aseguran que ABANCA puxo en marcha unidades móbiles que ofrecen servizo un día á semana. "Se noutras vilas teñen esta alternativa, por que aquí non?", pregúntanse, esixindo tanto ao Concello como á entidade bancaria unha solución urxente para poñer fin a esta situación de abandono.