Veciños do barrio de A Torre en Ribadeo levan 36 anos reclamando un acceso digno
Un grupo de veciños do barrio de A Torre, en Vilaselán en Ribadeo, amosan o seu enfado tras tantos anos de espera na mellora dun camiño duns 290 metros, e do cal 190 encóntranse coa mesma anchura que hai máis de 50 anos, cando só circulaban por el os carros do país.
"É tal o seu estreitamento que dificulta, e nalgúns casos impide, o paso os viandantes cando se atopan con algún vehículo, poñendo nunha situación de risco para a integridade física ás persoas maiores e tamén a todas aquelas con mobilidade reducida", din os veciños.
O 27 de abril de 2008, 11 meses despois de ser nomeado Fernando Suárez Barcia alcalde de Ribadeo, "tivemos unha primeira reunión para informalo de primeira man de todo o procedemento seguido con anterioridade e ó mesmo tempo reivindicar unha vez máis o ensanche e acondicionamento do mesmo. Nesa primeira reunión díxosenos que ata que non estivera o novo Plan de Urbanismo aprobado non se podía tomar decisión algunha. Pois ben o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobouse o 14 de novembro de 2014 e a pesar de varias reunións e escritos remitidos a esta Alcaldía seguimos na mesma situación, aínda que o alcalde fixo algunhas xestións, as cales agradecemos, pero que resultaron ser insuficientes", engaden o grupo de veciños.
O que veñen reclamando desde hai 36 anos é un acceso digno, "non estamos a esixir unha avenida como Rosalía de Castro, soamente estamos a reclamar unha vía que nos permita a circulación tanto de persoas como de vehículos".
Ata xuño de 2018 sempre estiveron dispostos a cooperar tanto no tema económico como de calquera outro índole que a alcaldía lles tivera demandado co fin de desbloquear unha situación que permitise levar a diante esta reivindicación. Pero estes veciños xa están fartos tras 36 anos.