Veciños de Ribadeo reclaman unha solución urxente ao deficiente alumeado no paseo do Faro

O mal estado do alumeado público no paseo da estrada do Faro volve situarse no punto de mira dos veciños de Ribadeo. Usuarios habituais deste percorrido, tanto residentes como visitantes, levan meses denunciando a falta de luz nun dos espazos máis emblemáticos do municipio, especialmente frecuentado por persoas que se dirixen cara á Illa Pancha.
Segundo explican, xa a comezos de xullo —antes mesmo do inicio da tempada alta e da chegada masiva de turistas— advertiron ao Concello de que moitas luminarias non funcionaban correctamente. “Hai zonas enteiras ás escuras e non é agradable pasear así cando cae a noite”, comentan algúns veciños, que insisten en que a falta de iluminación afecta tanto á seguridade como ao confort das persoas que transitan por ese camiño.
A situación mantense sen cambios, a pesar das reiteradas queixas. Os afectados aseguran que existen “polo menos 83 farois” instalados ao longo do muro que discorre paralelamente á beirarrúa, e que a meirande parte deles permanecen apagados. “É un tramo moi usado por xente de todas as idades, tamén por persoas maiores que fan o seu paseo diario, e así non se pode andar con tranquilidade”, engaden.
Os residentes solicitan que se revisen as instalacións eléctricas e se repoña canto antes o servizo, lembrando que se trata dun espazo de interese turístico e patrimonial que debera estar coidado durante todo o ano. “Non pedimos nada extraordinario, só que se repoña o alumeado para que todos poidamos gozar do paseo con seguridade”, conclúen.