Veciños de Ribadeo denuncian unha caixa eléctrica en mal estado preto dunha zona de xogos infantil

AMariñaXa
Denuncian o perigo dunha instalación eléctrica en mal estado preto dunha zona de xogos e cuestionan a contratación dunha empresa privada para podar árbores
parque-Ribadeo-mal-estado-tapa-electrica
6 Mar 2025

Veciños de Ribadeo expresaron a súa preocupación pola presenza dunha caixa de corrente eléctrica sen tapa situada preto do Pavillón Municipal e dunha zona de xogos infantís. Consideran que esta situación supón un risco para os nenos que xogan na contorna e critican a falta de medidas por parte das autoridades.

"Paréceme dunha gran irresponsabilidade que ao lado do pavillón, onde xogan os nenos, haxa unha caixa eléctrica nestas perigosas condicións. Están esperando a que ocorra unha desgraza para tomar as medidas oportunas?", lamenta un dos veciños afectados.

Ademais, tamén cuestionan a recente contratación dunha empresa privada para podar uns érbedos na vila. Segundo denuncian, a poda foi realizada pola empresa contratada, pero a recollida dos restos tivo que ser asumida polo propio persoal do Concello. "Se se contrata unha empresa privada, é de supoñer que debe facer o traballo completo. Por que o alcalde é tan afeccionado a contratar empresas privadas? A poda podería facela perfectamente o persoal de Medio Ambiente do Concello", critican.

Os veciños esixen que se poña solución de inmediato á situación da caixa eléctrica e piden maior transparencia e eficiencia na xestión dos servizos municipais.

⚙ Configurar cookies
0.097973823547363