Veciños de O Vicedo amosan o seu malestar pola saturación turística e a falta de civismo

Como todos os veráns, a chegada masiva de visitantes a O Vicedo xera problemas que afectan a calidade de vida dos veciños e veciñas. “É imposible facer a vida cotiá con tantas autocaravanas aparcando onde lles dá a gana, incluso case dentro das casas, especialmente na praia do Porto”, comenta un residente. Outro engade: “Non hai zona habilitada para elas e iso provoca caos e inseguridade”.
A mobilidade nas rúas converteuse nun auténtico quebracabezas. “Non hai aparcamento, aparcan onde sexa sen importarlles as normas. É a lei do oeste, primeiro fan e logo preguntan”, asegura unha veciña. “Intentamos que o Concello faga algo, xa o levamos a pleno, pero seguimos igual, parece que non lles importa”, lamenta un home.
A falta de respecto e civismo tamén se nota nas interaccións diarias. “Escoitamos comentarios despectivos ás dependentas do supermercado, como ‘quen se lle ocorre pechar un luns, que era festivo local’”, explica outra veciña. “E non só aquí, en Viveiro tamén o comentan, sabendo que viñamos de vacacións e non hai o tabaco que queriamos”, conta un dos residentes.
“Non estamos en contra do turismo, que veña xente ao noso pobo, pero non poden impor as súas normas e actitudes. Aquí vivíase doutra maneira, e iso hai que respectalo”, manifesta con rotundidade unha muller maior. “Nós temos máis educación ca moita xente que nos visita”, apunta outro veciño con preocupación.
En definitiva, os residentes coinciden en que “pagamos xustos por pecadores”, pero aseguran que “isto xa parece unha cidade sen lei, e está a xerar malestar e preocupación na poboación”.