Veciños de Burela alertan dun posible colapso de tráfico polas obras no porto

A asociación de veciños O Vencello trasladou a súa preocupación pola situación do tráfico en Burela ante a acumulación de obras en marcha e as modificacións recentes na circulación en distintas rúas do municipio. O colectivo considera que a coincidencia destas actuacións pode provocar importantes problemas de mobilidade, especialmente nas zonas próximas ao porto.
Segundo explican, os traballos do dique norte e a canalización do novo sistema de saneamento levan máis dun ano condicionando o tránsito na vila. A esta situación engadirase nos vindeiros meses a construción da planta de salmón na zona do Berbés, o que, ao seu xuízo, incrementará o paso de vehículos pesados e agravará as dificultades xa existentes.
Desde a asociación pregúntanse se o Concello ten previsto poñer en marcha un plan específico de tráfico que permita ordenar a circulación e minimizar os efectos desta confluencia de obras. Unha das principais preocupacións reside no feito de que a estrada do porto, unha das vías clave de entrada e saída, continúa pechada sen unha previsión clara de reapertura.
Neste sentido, tamén reclaman información sobre os prazos de finalización das actuacións en execución e sobre cando se poderá recuperar a conexión entre o Berbés e a Avenida Arcadio Pardiñas.
O colectivo lembra que, aínda que algunhas infraestruturas non son de titularidade municipal, o Concello si ten competencias na ordenación do tráfico e na seguridade viaria. Ademais, advirten de que a situación podería complicarse coa chegada das festas patronais e o incremento da actividade portuaria durante a costeira do bonito.