Veciñas da Pontenova reciben os vales da campaña comercial da FCAM

A Praza do Concello da Pontenova acolleu onte á tarde un novo sorteo da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense, impulsada pola FCAM, que nesta ocasión fixo parada na vila para repartir sorte e premios entre a veciñanza. Tres mulleres pontenovesas resultaron agraciadas con vales de compra valorados en 250, 150 e 100 euros, respectivamente.
A entrega dos premios contou cun elenco de convidadas e convidados especiais que acompañaron á FCAM durante esta fin de semana en Ribadeo e na propia Pontenova. Participaron no acto Almudena Navarro, comunicadora de Cadena 100, dj, locutora publicitaria, actriz de dobraxe e presentadora de televisión; José Real, xornalista e responsable dos informativos do programa Buenos días Javi y Mar en Cadena 100; e Arsenio Coto, profesional lugués en medios escritos e audiovisuais.
Tamén estiveron presentes o alcalde da Pontenova, Darío Campos, e o presidente da Asociación de Comerciantes da Pontenova, José Luis Balseiro, quen salientaron a importancia de iniciativas como esta para reforzar o comercio de proximidade, animar as compras no pequeno tecido empresarial e visibilizar o papel das persoas consumidoras na dinamización da economía local.
A campaña continuará o seu percorrido por diferentes concellos da Mariña, repartindo novos vales e promovendo un consumo responsable e vinculado ao territorio.