Veciñanza do Vicedo maniféstase pola falta de médicos no centro de saúde

AMariñaXa
Asociacións e veciñanza convocan novas mobilizacións para esixir solucións inmediatas
manifestacion-medicos-vicedo-marzo-2025-2
3 Mar 2025

A veciñanza do Vicedo volveu saír á rúa para denunciar a falta de médicos no centro de saúde do municipio. A protesta, na que participaron aproximadamente 70 persoas, foi organizada por diversas asociacións culturais, deportivas e veciñais, contando ademais coa presenza da Plataforma Sanitaria e do alcalde de Ourol.

Con esta nova mobilización, os manifestantes denunciaron a deficiente atención sanitaria que padecen, marcada por axendas pechadas durante semanas, xornadas sen facultativo, días nos que só se atenderon urxencias, citas anuladas e unha redución do horario de atención a tan só catro horas en moitos casos.

Os organizadores advertiron que esta non será a última protesta e destacaron a importancia da loita colectiva para lograr melloras reais. "Estas concentracións son un recordatorio da nosa capacidade para loitar e conseguir cambios tanxibles para O Vicedo", sinalaron.

Ademais, fixeron fincapé na relevancia da unión veciñal para afrontar este tipo de problemáticas. "A forza dun pobo reside na súa capacidade para unirse e abordar os problemas todos xuntos", concluíron.

⚙ Configurar cookies
0.3009250164032