Veciñanza de O Vicedo reclama ao Concello máis seguridade na colocación dos contedores do lixo

A preocupación pola seguridade viaria e polo coidado dos espazos públicos levou a varios veciños de O Vicedo a facer pública a súa queixa pola situación dalgúns contedores de lixo do municipio. Segundo explican, levan meses pedindo ao Concello que mellore a fixación destes elementos, xa que en numerosos puntos “móvense co vento, cruzan as estradas e chegan incluso a bater contra coches aparcados”.

Un dos veciños afectados asegurou que “xa se expuxo esta demanda en varios plenos ao longo do ano, pero seguimos igual, sen medidas efectivas”. Engadiu que “non pedimos nada extraordinario, simplemente que se coloquen barras ou cadeas que impidan o desprazamento dos contedores, como se fai noutros lugares do concello”.
A crítica vai dirixida á “deixadez municipal” neste asunto, que consideran “un risco evitable e un exemplo de falta de mantemento básico”. Os residentes lembran que “noutras zonas vese todo máis coidado, con contedores ben ancorados e ordenados”, mentres que nalgúns puntos de O Vicedo “chegan a estar suxeitos con pedras, algo que resulta pouco seguro e pouco efectivo”.
A veciñanza insiste en que o obxectivo non é a crítica pola crítica, senón previr posibles danos ou accidentes: “Non hai que agardar a que haxa unha desgraza para actuar”, apuntan. Piden ao goberno local unha revisión xeral das zonas máis problemáticas e a aplicación de medidas sinxelas que melloren a estabilidade e a seguridade destes elementos do mobiliario urbano.