Veciñanza de Fórnea queda sen cobertura móbil tras meses de funcionamento da nova antena

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, trasladou ao conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado, a preocupación da veciñanza de Fórnea ante a interrupción do servizo da antena de telefonía instalada nesta parroquia.
A antena, froito dunha petición do Concello á Amtega en 2019 para mellorar a cobertura móbil en varias zonas do municipio, entrou en funcionamento no mes de marzo de 2025 tras a cesión dunha finca municipal e a adecuación dos accesos por parte do Concello. Non obstante, desde xullo deixou de operar, e a incidencia aínda non foi solucionada a pesar das múltiples comunicacións remitidas á Amtega.
García Freije subliña a importancia deste servizo: “Estamos a falar dun recurso básico, fundamental para os nosos veciños e veciñas, que logo de moitos anos de espera finalmente viron mellorada a súa cobertura móbil. Conseguimos poñer en marcha a antena en 2025, pero só estivo activa uns meses. Agora atopámonos outra vez sen este recurso esencial no rural”.
O rexedor engade que o Concello seguirá ofrecendo toda a colaboración necesaria á Xunta de Galicia para garantir a pronta recuperación do servizo: “Non podemos permitirnos dar pasos atrás cando falamos de servizos básicos e de calidade no rural”.
Desde o Concello insístese na disposición total a cooperar con todas as consellerías competentes co fin de mellorar as infraestruturas e asegurar que a veciñanza poida acceder en igualdade de condicións ás telecomunicacións.