Varias actividades de contacontos terán lugar na Mariña da man da escritora Elena Cienfuegos
A viveirense e escritora Elena Cienfuegos, que vive dende hai quince anos en Suíza, volveu á súa vila natal para poñer en marcha unha actividade para nenos e nenas da Mariña lucense a través dun contacontos.
Neste, presentará un libro colaborativo chamado 'Horripilantes', no que figuran 16 historias escritas por 16 autores diferentes e ilustradas por 16 deseñadores distintos, que inclúen actividades con manualidades e datos curiosos coa temática do Samaín.
Así, a primeira das actividades terá lugar no CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela este xoves, onde os nenos e nenas do colexio serán os primeiros en desfrutar destas historias e aventuras terroríficas.
Pola súa parte, o sábado 21 de outubro, Elena trasladarase ata a Biblioteca Municipal de San Cibrao para levar a cabo o seu contacontos e, pola tarde, estará na sala das Carboeiras, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, onde ademais do contacontos, haberá unha merenda e xogos da caza do tesouro, un evento aberto a todo o mundo e sen custo.
Por último, Elena Cienfuegos rematará o seu percorrido literario a vindeira semana, cunha parada na Libraría Porta da Vila de Viveiro, e outra o vindeiro xoves, 26 de outubro, na Biblioteca Municipal de Foz.