Vandalismo en A Insua dana o patrimonio de Viveiro

AMariñaXa
O Concello condena as pintadas sobre as pedras dun enclave histórico e fai un chamamento ao civismo para protexer os espazos públicos
VIVEIRO-actos-de-vandalismo-na-area-etnografica-de-A-Insua-2025
29 Sep 2025

O Concello de Viveiro mostrou a súa reprobación ante os recentes actos de vandalismo rexistrados na área etnográfica de A Insua, onde diversas pintadas provocaron danos nun espazo con gran valor histórico e cultural. Segundo explicaron desde o goberno local, "non podemos tolerar accións que deterioran o traballo realizado e comprometen o patrimonio da vila", subliñando a importancia de respectar e coidar os espazos públicos.

A Insua, ligada ao antigo cargadoiro de mineral das minas de ferro da Silvarosa, converteuse nun miradoiro privilexiado sobre a ría de Viveiro e nun punto de interese patrimonial e ambiental que forma parte da identidade local e do atractivo turístico da cidade. "Accións deste tipo danan a imaxe de Viveiro e afectan tanto ao patrimonio como ao contorno natural", engadiron desde o Concello.

O goberno municipal lembrou que este enclave foi rehabilitado con fondos públicos e que a súa preservación é unha responsabilidade compartida que require do compromiso de toda a cidadanía. A Ordenanza municipal reguladora da convivencia, limpeza e residuos prohibe expresamente as pintadas e calquera dano ao mobiliario urbano, prevendo a execución subsidiaria e a imposición das sancións correspondentes. As multas poden ir desde 50 euros para infraccións leves ata 3.000 euros no caso das moi graves.

O Concello insistiu na necesidade de fomentar a concienciación cidadá e o respecto polo patrimonio, recordando que a protección de espazos como A Insua contribúe á conservación da historia e á promoción dun turismo sostible na vila.

⚙ Configurar cookies
0.10003709793091