Valentín G. Formoso pon ao PSdeG “ao servizo de Galicia”
Formoso resultou gañador nas Primarias á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE con ao redor do 61% dos votos
Valentín González Formoso foi escollido pola militancia socialista galega como o novo Secretario Xeral do PSdeG-PSOE tras conseguir o 60,9% dos votos no proceso de Primarias que hoxe, sábado 30 de outubro, remata. Unha vez finalizado o reconto Formoso non tardou un instante en poñer ao PSdeG “ao servizo de Galicia, da Galicia que soña con mellorar, da Galicia interior que aspira a non baleirarse, da Galicia da costa que quere que a entendamos, da Galicia que se foi e que quere retornar, da Galicia que quere que o coñecemento sexa a base e a plataforma de crecemento do noso país”. “Esa Galicia que, como dicía Celso Emilio Ferreiro, é un país pequeno pero chega ata as estrelas”, destacou.
González Formoso agradeceu “aos miles de compañeiros e compañeiras, dentro dese porcentaxe rotundo do 60% que confiaron nesta alternativa, que viron en nós un modelo de PSdeG que se identifica con Galicia e no que depositan a súa confianza” “Que saiban que non lles imos a fallar nunca”, afirmou.
“Hoxe celebramos esta expresión de democracia por parte do socialismo galego, este exemplo que dá a militancia do PSdeG a toda a sociedade de Galicia, unha mensaxe de aposta por un modelo onde o dereito a escoller aos nosos dirixentes por parte dos militantes é o mellor exemplo de que no Partido Socialista cremos na democracia”, subliñou.
Por último, Valentín González Formoso amosouse “francamente orgulloso” do proceso de Primarias “que no día de hoxe se celebrou sen ningún tipo de incidencia, con total normalidade, con total compañeirismo, ao igual que todo o proceso, absolutamente limpo e respectuoso e é algo que lle quero agradecer ao compañeiro Gonzalo porque esta campaña foi exemplar para a sociedade galega”.