Valboa prepárase para celebrar San Fernando cun día de tradición, gastronomía e encontro veciñal

O Concello de Trabada retoma un ano máis a tradicional celebración de San Fernando, unha das festas máis emblemáticas do municipio, que terá lugar o vindeiro venres 30 de maio na capela situada en Valboa. A cita busca manter vivas as raíces culturais da zona, combinando actos relixiosos, gastronomía popular e espírito de convivencia.
A xornada comezará ás 12:00 horas cunha misa solemne na capela de San Fernando. A continuación, celebrarase unha comida campestre baixo carpa, cun menú que incluirá empanada, croquetas, xamón cocido, paella, sobremesa con torta de Santiago, ademais de bebidas e café. O prezo será de 22 euros para adultos e 12 para nenos e nenas.
Como parte da tradición, o Concello habilitará un espazo de estacionamento para cabalos, co fin de recuperar o costume de acudir á romaría a cabalo, como se facía antigamente. As entradas poderán adquirirse ata o luns 26 de maio nos locais colaboradores: o Mesón Camiño Norte, a Taberna da Curuxeira e o Bar O Porfirio.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, subliñou a importancia de manter estas celebracións que “forman parte da nosa identidade colectiva”. Recordou que “noutros tempos, a feira de San Fernando era unha cita fundamental no calendario social da comarca, á que acudían veciños e veciñas de todas as parroquias para gozar dun día de festa e encontro”.
A actividade conta co apoio da Deputación de Lugo, reforzando así o compromiso institucional coa conservación das tradicións locais.