Incógnita na Alcaldía de Alfoz

AMariñaXa
En Alfoz haberá que esperar aos vindeiros días para saber se o socialista Jorge Val goberna en solitario ou pola contra suma os 3 de VIA Alfoz
alfoz politicos 2023
13 Xuño 2023

En Alfoz haberá que esperar aos vindeiros días para saber se o socialista Jorge Val goberna en solitario ou pola contra suma os 3 de VIA Alfoz.

En Alfoz, a capitanía do consistorio non está clara tralos comicios, pois a veciñanza non se decidiu por un partido en concreto, pois todos os partidos acadaron 3 edís. Así, o PSOE liderado polo actual alcalde, Jorge Val, baixou dous edís respecto ao 2019, pero foi a forza máis votada.

Neste concello mariñao, a participación baixou un pouco pero serviu para que os partidos da oposición subiran ambos dous escanos e empatar entre os tres partidos.

O PSOE obtivo en Alfoz 451 votos de entre un total de 1.174 votantes. Nos comicios anteriores acadara 652. Os seus anteriores aliados de VIA Alfoz subiron o número de apoios pasando dos 353 obtidos en 2019 aos 283 da actualidade, o que os fai a segunda forza política no concello. O PP conseguiu 339 votos fronte aos 299 do 2019.

O PSOE leva tres mandatos liderando o goberno alfocense. Nunha ocasión, o fixo en coalición coa candidatura independente de Via Alfoz e, nesta, aínda non está claro.  Aínda que Efigenia Maseda, de VIA, di que “nós manteremos o noso acordo da asemblea do partido, na que decidimos que non imos apoiar os candidatos do resto dos partidos, senón que terán que ser eles quen nos apoien a nós”.

Maseda é nada en Alfoz, no barrio de Vilaúde, da parroquia de Mor, e é licenciada en Filoloxía Clásica pola USC. Foi traballadora do Concello, exercendo, en diferentes etapas, como Educadora Familiar, Administrativa e Animadora Sociocultural. “Nós somos un partido pequeno, e a nosa garantía é o noso traballo”, engadiu Maseda.

O enxeñeiro agrícola Juanjo Fraga presentouse con ilusión polo PP para recuperar a Alcaldía, o que fixo que subira un escano respecto ao 2019. Fraga é coñecido pola súa faceta de empresario, propietario e administrador de varias empresas relacionadas co sector agrícola-gandeiro, das cales tres delas están afincadas en Alfoz.

CONCELLEIROS ELECTOS

  • Jorge Val Díaz PSOE
  • Ana Aránzazu Incera Ares PSOE
  • Cándido Paleo Rejes PSOE
  • Juan José Fraga Paz PP
  • Raquel Rouco Iglesias PP
  • Nerea Pena Vigo PP
  • Efigenia Maseda Paz VIA
  • Eliseo Lorenzo García VIA
  • Judit Casabella Pardeiro VIA
foto jorge val alcalde alfoz 2022
Efigenia Maseda VIA Alfoz 2023  1
candidatura PP alfoz 2023
alfoz 2023
0.20396900177002