Vaise repoñer o firme e ampliar a rede de saneamento no lugar de Brieiro, en Viveiro
O Concello de Viveiro comunicou que xa está a executar as obras de reposición do firme e a ampliación da rede de saneamento no lugar de Brieiro, na parroquia de Faro. As actuacións céntranse no Camiño do Fultreiro, no Camiño da Fatiga e no Camiño da Cruz.
A actuación prevista polo Concello consiste na ampliación da rede de saneamento dun tramo da subida da estrada de Faro a Brieiro, así como na reposición do firme de aglomerado. Tamén se dotará de sinalización vial e actuará no saneamento da rede de sumidoiros deteriorados.
"Un paso máis no noso plan municipal de mellora continua dos servizos e infraestruturas públicas, tanto no casco urbano como nas parroquias, dando resposta ademais ás demandas veciñais", asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
O orzamento de execución por contrato, segundo proxecto, ascende a 51.554,83 euros. Esta obra inclúese no Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2022 da Deputación de Lugo.