Vaise rehabilitar o retablo da capela da Venerable Orde Terceira do antigo Convento de Alcántara en Mondoñedo

AMariñaXa
O BNG de Mondoñedo presentou un rogo para que o concello investigue os títulos acreditativos de propiedade aportados pola igrexa.
RETABLO DA CAPELA DA VENERABLE ORDE TERCEIRA DO ANTIGO CONVENTO DE ALCÁNTARA EN MONDOÑEDO 2024
21 Mar 2024

O Goberno galego ampliará o alcance dos traballos feitos na capela da Venerable Orde Terceira do antigo Convento de Alcántara, en Mondoñedo, actuando tamén no retablo. Así o anunciou  o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, a este valioso recurso cultural do Camiño do Norte onde o Goberno galego vén de resolver as patoloxías e danos que afectaban ao inmoble cun investimento de case 260.000 euros.

Na súa visita, o responsable autonómico de Cultura explicou que os traballos xa rematados permitiron garantir o mellor estado de conservación e adecuar o conxunto para o culto e as visitas públicas. “Foi precisamente na execución destes traballos cando se detectou a necesidade de actuar tamén sobre o retablo maior”, precisou.

Tal e como explicou, actualmente os técnicos están a realizar estudos arquitectónicos co fin de procurar a mellor proposta de restauración posible. Tras isto, comezarase co proceso de licitación para levar a cabo a intervención cun investimento aproximado de 71.000 euros, co que a achega da Xunta de Galicia neste ben superaría os 330.000 euros.

“Estas actuacións reflicten o noso compromiso con esta valiosa herdanza para construír un futuro no que a tradición se conecta coa vangarda para preservar a nosa identidade”, explicou Román Rodríguez. Neste senso, puxo en valor a política decidida do Goberno galego a favor da “conservación e a protección desta riqueza patrimonial na que contamos con bens de gran valor histórico, cultural e turístico como este ben vencellado ao Camiño do Norte”.

INTERVENCIÓN

No caso da obra que vén de rematar, as actuacións centráronse en resolver danos tanto no exterior como no interior da capela, que presentaba un aspecto moi descoidado con problemas relacionados coa presenza de humidades e o uso de materiais inadecuados.

Así, na zona de capela o obxectivo foi crear un ambiente óptimo para a conservación, reverter as intervencións desafortunadas, comunicar de novo a capela coa Igrexa de San Pedro e adecuar o conxunto para os usos habituais recuperando, na medida do posible, o aspecto orixinal.

Nas fachadas, pola súa banda, os traballos estiveron dirixidos a mellorar as condicións de humidade mediante a eliminación dos revestimentos de cemento, a aplicación dunha nova revocadura e a creación dunha nova drenaxe na base dos muros. Ademais, na cuberta instaláronse novos canalóns e baixantes e modificouse o cumio formado por tella por un de lousas.

En canto ás madeiras, no transcurso das actuacións substituíuse a escaleira de caracol reforzando a varanda, incorporouse unha nova ventilación nas ventás e restaurouse o portalón exterior e as portas interiores. Por último, a proxecto tamén contemplou a creación dunha nova instalación eléctrica e a renovación das pinturas.

0.12106800079346