Vaise redactar o proxecto para a construción dun tanque de tormentas na zona portuaria de Ribadeo
A Xunta redactará o proxecto para a construción dun tanque de tormentas na zona portuaria, que evite que en días de chuvias intensas os residuos saian á rúa e á ría de Ribadeo.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “durante estes meses estivemos a xestionar, a traballar, para construír un tanque de tormentas. É unha vella reivindicación, é algo que necesita Ribadeo e tamén é algo que sistematicamente estabamos a reivindicar. Nosoutros desde a oposición xa o diciamos e agora que estamos no goberno xa damos unha resposta”.
O rexedor explicou que “imos elaborar e desenvolver todas as propostas específicas para mellorar a rede de saneamento do núcleo urbano de Ribadeo. Iso quere dicir que imos construír na zona portuaria un tanque de tormentas para evitar que saian todos os residuos á ría de Ribadeo. Isto o observamos todos, pasas polo porto e ves esa esquina chea de residuos que non podemos permitir. Si somos unha vila mariñeira e turística e que vixía e coida o medio ambiente non podemos permitir esta deixadez por parte das administracións”.
Vega indicou que “o Concello reuniuse coa Consellería, eu durante estes meses falei con Ethel Vázquez, e o que se conseguiu é algo moi importante: redactar o proxecto para construír o tanque de tormentas. Estamos a falar dun orzamento para ese proxecto de 280.000 euros e vainos concretar en qué lugar se construirá, qué se vai facer e así evitar que ese residuos vaian á ría de Ribadeo”.