Vaise recuperar a minicentral hidroeléctrica do río Tronceda en Mondoñedo
Vaise desenvolver un proxecto de recuperación das instalacións electromecánicas da minicentral hidroeléctrica do río Tronceda ao seu paso polo Concello de Mondoñedo e acometer, deste xeito, a súa musealización, converténdoo nun centro de interpretación.
A Xunta destinará a esta actuación un total de 28.000 euros. Os traballos a realizar consistirán na restauración e recuperación da maquinaria orixinalmente existente na antiga minicentral hidroeléctrica (tanto eléctrica como mecánica); ademais da adquisición de maquinaria e equipos de iguais características aos orixinais ou traslado doutra maquinaria a esta minicentral; fabricación de cadros eléctricos, iguais aos orixinais; e ambientación con elementos da época, deixándoa totalmente instalada e posta en funcionamento para demostracións. A actuación contribúe, polo tanto, á recuperación do Patrimonio Histórico Industrial de Galicia, xa que se trata dunhas instalacións de 1906 abandonadas.
Con este proxecto perséguense dous obxectivos. Por unha parte, promover a cultura do aforro e da eficiencia enerxética, e por outra, incrementar o interese social e económico de Mondoñedo, ao converter esta instalación nun atractivo turístico máis da zona e, polo tanto, de toda a veciñanza e das persoas que o visiten.
O convenio, que estará vixente ata o 30 de decembro de 2021, enmárcase nas políticas da Xunta de apoio á eficiencia enerxética, ás enerxías renovables, e á investigación, estudo e apoio de actuacións que contribúan ao seu coñecemento.
Este proxecto está enmarcado nun convenio de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Inega, e o Concello de Mondoñedo.