Vaise mellorar e acondicionar o exterior da Escola ribadense de Ove

Vaise mellorar e acondicionar o exterior da Escola de Ove cun investimento total ascenderá a 13.000 euros cunha achega do Goberno galego.
O equipo de goberno quere favorecer a imaxe de Ribadeo como destino turístico ligado ao Camiño de Santiago e como lugar de encontro cómodo e agradable para a veciñanza desa parroquia, segundo explicou hoxe o concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil.
Ao pé do camiño de Santiago atópase a Escola de Ove, cuxo estado de conservación exterior non é o máis axeitado por iso queren actuar na mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago.
O concelleiro de Medio Rural explicou que “por iso, os técnicos municipais elaboraron un proxecto de mellora e acondicionamento exterior da Escola de Ove, por importe duns 13.000 euros e no que pretendemos pintar todo o edificio, reparar a carpintaría exterior, así como unha serie de obras de mellora que consigan o dobre obxectivo de: por unha banda, favorecer a imaxe de Ribadeo como destino turístico ligado ao Camiño de Santiago; e, por outra, a de mellorar a Escola de Ove, como lugar de encontro cómodo e agradable para todos os veciños e veciñas desta parroquia”.
E engadiu: “agardamos pois que sexamos merecedores da maior axuda posible por parte da Xunta para poder executar estas obras a principios deste verán”.