Vaise mellorar a seguridade viaria no tramo da antiga N-634 que coincide co Camiño Norte en Mondoñedo
Vaise mellorar un tramo da antiga N-634 que coincide co trazado do Camiño Norte de Santiago ao seu paso polo Concello de Mondoñedo.
A actuación, que inclúe a construción de beirarrúas e a dotación de alumeado público, permitirá tamén adecentar a entrada á cidade dende Lourenzá e o parque industrial.
O proxecto permitirá completar a eliminación dun punto de inseguridade para veciños e viandantes que teñen que compartir espazo co tráfico rodado. “Xa no ano 2015, ao chegar ao goberno, aproveitamos a posta en marcha do Camiño de San Rosendo para mellorar a marxe dereita”, explica o goberno local.
A Xunta destina máis de 260.000 euros a este proxecto que inclúe a construción dunha rede de recollida de pluviais e dotación de alumeado público.
O Concello de Mondoñedo agradece o apoio económico da Xunta de Galicia que permitirá unha “importante actuación: restablecer a seguridade para viandantes e veciños” no tramo da antiga N-634 e “adecentar unha das entradas á cidade”, dende Lourenzá e o parque industrial, nos lugares de Xirós e San Paio.
Co proxecto recollido no convenio asinado polo alcalde, Manuel Otero, e o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; “completarase a eliminación dun punto de inseguridade existente dende fai moitos anos” a través da construción dunha beirarrúa de 2 metros de anchura convenientemente iluminada. “Xa no ano 2015, ao chegar ao goberno, aproveitamos a posta en marcha do Camiño de San Rosendo para mellorar a marxe dereita”, indican dende o goberno local.
“Son moitos os peóns que circulan pola marxe desta vía compartindo espazo co tráfico rodado; xa que, ademais dos propios veciños da zona, a popularidade do Camiño de Santiago fai que sexan moitos os peregrinos que camiñan por esta zona”, explican.
Esta mellora da seguridade viaria xeral do tramo favorecerá o tránsito peonil dos veciños da zona e dos usuarios do Camiño Norte convertendo a antiga estrada destinada a vehículos nun acceso a Mondoñedo polivalente que conecte ás persoas.