Vaise crear unha praza que comunique a casa da cultura do Vicedo e a gardaría
Vaise humanizar unha zona localizada en pleno núcleo urbano do Concello do Vicedo coa construción dunha plaza. Esta actuación centrarase nun ámbito de algo máis de 300 metros cadrados situado entre a Casa da Cultura, a gardería, o parque infantil e a rúa Francisco Vilasuso, no lugar do Vicedo; e requirirá un investimento estimado de case 50.000 euros, contía que cofinanciará nun 70% o departamento autonómico e nun 30% o concello.
O obxectivo principal das obras é a creación dunha praza que comunique e conecte entre si todos estes espazos, para o que tamén está previsto cambiar o pavimento existente, aumentar a zona de lecer aproveitando un espazo que está infrautilizado e mellorar a seguridade coa limitación do acceso aos vehículos.
A tal fin, o proxecto prevé a demolición do pavimento existente para substituílo por outro continuo de formigón impreso, o subministro e instalación de sinalización vertical, a canalización e recollida de augas pluviais e a súa conexión coa baixante existente, ademais do subministro e instalación de bancos de madeira.
Estes traballos de humanización acometeranse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego hai máis dunha década—púxose en marcha no ano 2010— co fin de axudar ás administracións locais a executar este tipo de proxectos.
Cómpre lembrar que este plan reflicte o apoio da Xunta ás entidades locais na promoción de actuacións que, na liña da obra do Vicedo, contribúan a dinamizar as vilas galegas co fin de mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. De feito, os orzamentos da Consellería para 2023 teñen reservados 8,6 millóns de euros co fin de financiar iniciativas destinadas á mellora de equipamentos municipais e dos servizos públicos.