Vaise arranxar a escola municipal de Rinlo grazas a un convenio coa Deputación
O Concello de Ribadeo asinou un convenio de colaboración coa Deputación de Lugo, por importe de 23.600 euros, para o arranxo da escola municipal de Rinlo.
Dende o Concello din que “tal e como tiñamos planificado, logo da xuntanza que tivemos coa asociación de veciños de Rinlo hai uns meses sobre as necesarias melloras na escola municipal, quedamos en buscar a maneira de arranxar este inmoble municipal. Por iso, ao principio do verán solicitamos da Deputación de Lugo axuda económica para lograr este obxectivo”.
O convenio servirá para financiar o proxecto que redactou o técnico municipal e que ascende a uns 23.600 euros, e recolle todas as suxestións feitas pola asociación de veciños no seu momento, como foron por exemplo as de arranxar os problemas de humidade, revisar a cuberta, reparar a carpintería, eliminar os problemas de filtración de auga nos aseos, pintar e reparar a zona do peche da parcela e dotar de radiadores e mobiliario.