Uxía, raiña do Entroido de Foz: “É un privilexio e unha responsabilidade”
Por Ana Somoza López.
Uxía foi elixida raiña do Entroido de Foz 2023.
Foi elixida a Raiña Entroido de Foz. Como se sinte?
Levo esperando este momento toda a miña vida, é algo co que soñei moitas veces e aínda non o asimilei ao 100%. Páranme pola rúa para darme os parabéns, doulles as grazas e chego a casa é penso, “meu deus, non pode ser verdade”.
É unha honra, non? Como se preparará para este acto?
Sen dúbida é unha honra, é un privilexio e unha responsabilidade moi grande representar o que para min é o mellor Entroido do mundo, e sobre todo polo significado que ten.
Saír elixida este ano, que a miña comparsa estea de 25º aniversario e que fose no polideportivo, no Campo da Cabana, onde me criei, fíxoo máis especial aínda.
Non puiden conter a emoción e sei que as emocións van estar a flor de pel, pero teño moitas ganas, ilusión e moitos nervios porque quero estar á altura e representar como se merece a todos os que facemos do Entroido de Foz, o mellor.
Agora toca desfrutar, non?
Claro que si, e de cada momento xunto coas miñas damas Iria e Carla. Xa falamos coa comisión, coa costureira, coa xente que me axuda no deseño, miramos telas, maquillaxes, etc. Houbo e hai moito que facer. Sen dúbida é a conta atrás máis especial e esperada.
O Concello de Foz e a asociación O Noso Foz acaban de publicar as bases que rexerán o desfile de Entroido Foz, que se celebrará o próximo 18 de febreiro. O programa completo da festa pódese consultar aquí.
Estas bases que están a dispor de todos aqueles que queiran saír a desfilar nas redes sociais do Concello nos taboleiros de anuncios e na delegación de cultura, explican o funcionamento para poder participar. Todos aqueles que queiran entrar no concurso deberán entregar cuberta a solicitude coa documentación correspondente dependendo da categoría de inscrición. Poderá solicitarse e entregarse no mail cultura@concellodefoz.es e no teléfono 982.140.027 extensión 3.
Os participantes que se inscriban antes do luns 13 pola tarde participarán no sorteo de postos que se realizará no concello ás 20 horas. Os que se inscriban despois serán avisados pola organización da orde na que deberán saír. Non se admitirán inscricións o propio día do desfile e o último día para apuntarse será o venres 17 ata as 14 horas.
Pódese consultar o resto de entrevistas de Entroido:
Comparsa Sin Xeito: “O noso obxectivo é desfrutar moitos anos máis da mellor festa de todas"
Uxía, raiña do Entroido de Foz: “É un privilexio e unha responsabilidade”
ACD As Minas: “A nosa festa caracterízase por contar cun ambiente moi familiar“
O Mellor de cada casa: “O deseño xa está pensado dende o verán”
Comisión de Festas do Vicedo: “Lanzaremos foguetes para marcar o comezo”
ACIAL Lourenzá: “Os rapaces preparan dúas carrozas espectaculares, animan e fan rir”
O Picato: “Contaremos con 3.000 euros en premios”