Uxía Otero, historiadora cervense: “A historia é colectiva e debe contarse con todas as súas voces”

Por Ana Somoza
Por que se decidiu ser historiadora?
Encantaríame ter unha resposta sinxela, pero non pode ser. Eu penso que desde moi nena gustoume a historia. Sempre me interesei por saber como era a vida antes, como eran as persoas, buscar o porqué das cousas, e foi algo que sempre estivo aí.
Dedicarse á historia profesionalmente non é doado e, no meu caso, implicou moita inestabilidade xeográfica. Este ano estarei en Porto de estadía e aínda cheguei de Toronto en decembro, onde tamén estiven un ano. Mais estas non foron as únicas veces que vivín no estranxeiro: Lisboa, Miami... Entón, unha moitas veces ten dúbidas sobre o que significa isto, pero fai igualmente as maletas para ter a oportunidade de seguir ata hoxe.
Como influíu a súa orixe e a súa relación co medio rural na súa investigación sobre as mulleres rurais?
A miña orixe e a miña relación co medio rural teñen influído de maneira significativa na miña investigación, especialmente no que respecta ás mulleres rurais. Aínda que a miña investigación non se centra exclusivamente nelas, o meu vínculo co rural sempre está presente como pano de fondo. Crecer na Mariña e vir dunha familia na que meus avós e avoas se dedicaban á agricultura, á gandaría e ao mar, tamén á costura, fixo que me quixera achegar á historia das mulleres rurais desde un lugar próximo, persoal. Unhas das miñas fontes primarias son, por exemplo, as de carácter oral, realizadas en contornas rurais, o que conecta directamente coas realidades sociais e culturais do lugar onde medrei. A través desta perspectiva, trato de repensar o modelo de feminidade normativa durante o franquismo, especialmente ao reflexionar sobre como ese modelo se aplicaba ás mulleres rurais e como as súas prácticas cotiás contrastaban tantas veces co que se esperaba delas.
Como vive a conexión entre o seu traballo de investigación e as realidades sociais e culturais do lugar onde medrou?
A conexión entre o meu traballo de investigación e as realidades socioculturais do meu lugar de orixe é inevitable. Galicia era eminentemente rural e este feito é clave para entender o contexto no que se desenvolve a miña investigación. A miña visión das mulleres rurais non se limita só ao que se supón que eran ou debían ser segundo os modelos normativos e segundo os prexuízos de moitos, senón tamén ao que realmente eran as mulleres no seu día a día, en interacción cos espazos e as dinámicas sociais que caracterizan o rural galego. A miña investigación, ao tratarse dunha análise que tamén ten en conta a violencia, a guerra e a ditadura franquista, non pode evitar mencionar o mundo rural como un espazo clave na transmisión de novas ideas e cambios sociais, algo que tamén estaba presente no meu entorno de orixe.
Traballou con grandes especialistas, non?
Si, neste tema colaborei e colaboro coas profesoras Ana Cabana Iglesia e Alba Díaz-Geada; Alba tamén é da Mariña, por certo! Elas son especialistas en historia rural e, ademais, incorporan a perspectiva de xénero nas súas investigacións. Este ano coordinamos xuntas unha sesión no Rural History 2025 en Coimbra, arredor das agriculturas familiares no século XX e con perspectiva de xénero.

Ao longo da súa carreira, participou en máis de trinta congresos e seminarios internacionais. Que aprendizaxes ou experiencias destacaría?
Ao longo da miña carreira investigadora, a participación en máis de trinta congresos e seminarios internacionais trouxo aprendizaxes moi valiosas. Unha das principais aprendizaxes é que a investigación non pode ser contemplada de maneira illada e individualista; precisa de diálogo constante con outras investigadoras, disciplinas, perspectivas e métodos de traballo. Cada vez que comparto e debato as miñas ideas con persoas de diferentes países e contextos, vexo a miña propia perspectiva enriquecida. A historia, ao fin e ao cabo, é algo colectivo, da sociedade no seu conxunto, da humanidade. Cada nova conversa pode aportar matices que reformulan o noso entendemento, chegando a descubrir novas fontes e volvendo a visitar vellas fontes con outros ollos, con miradas renovadas. Participar en congresos tamén é unha oportunidade de ouro para tecer redes, establecer colaboracións que, moitas veces, xorden en espazos informais, detrás das palestras académicas.
Como cre que o estudo de xénero e a historia das mulleres se percibe e se traballa noutros países, en comparación co enfoque que se lle dá en Galicia ou no Estado español?
En canto aos estudos de xénero e a historia das mulleres, percibo que noutros países están máis consolidados e institucionalizados. Agora ben, tamén hai que recoñecer que nas últimas décadas mudou moito o panorama, tanto en Galicia como no conxunto do Estado español. Son optimista, pero queda traballo por facer. Non chega con engadir mulleres e darnos por satisfeitas. Tampouco chega con estudar como se constrúen as feminidades, que por suposto, pero temos que indagar tamén en como se constrúen as masculinidades. O xénero hai que analizalo historicamente en contextos concretos, porque non é universal nin estable no tempo; non é “natural”, é unha construción sociocultural. Houbo avances moi significativos nesta liña nos últimos anos. No ámbito académico, a introdución de materias específicas sobre xénero no Grao en Historia xa en primeiro curso é un sinal claro de que se está facendo un traballo para consolidar e dar visibilidade a este campo. No meu plan de estudos, a optativa de xénero non a tiñamos ata cuarto! E agora tamén hai mestrados e doutoramentos específicos. De calquera maneira, o que máis me importa subliñar é que, a pesar destes avances, non é suficiente con que o xénero ou as mulleres aparezan como un contido opcional ou en datas conmemorativas no calendario académico, como o 8 de marzo ou o 25 de novembro. A sensibilidade por estas cuestións debería estar presente de maneira transversal en todas as materias e non só en estudos especializados ou en momentos específicos do ano.
Moitos dos seus traballos céntranse na muller. Por algo en especial?
A miña elección de centrarme nas mulleres dentro da miña investigación tamén responde a esa necesidade de visibilizar e recoñecer o papel dunha fundamental da sociedade, as mulleres, tantas veces esquecidas, tantas outras minusvaloradas. Que ás veces aparecen nunha nota ao pé ou nun comentario á marxe. Pero, como dicía, non chega con centrarse nas mulleres como obxecto de estudo, senón que debemos cuestionar as estruturas de poder e narrativas históricas que as incorporan de xeito decorativo. A incorporación do xénero de forma transversal en todas as dimensións da disciplina histórica, desde o político até o social, pasando polo relixioso, pode aportar unha nova dimensión ás nosas investigacións e producir un coñecemento histórico máis complexo.

A súa tese doutoral foi sobre a vestimenta da muller nos anos 50, non?
A miña tese de doutoramento centrouse na construción dunha feminidade normativa na España franquista desde a vitoria golpista, atendendo á súa remodelación a partir dos anos 50, unha década clave para o réxime franquista pola súa rehabilitación internacional. As miñas conclusións apuntan a que, a pesar de que as autoridades (militares, civís e relixiosas) fixeron o posible por fixar un modelo de “ser muller”, non todas as mulleres o encarnaron. As que tiveron os recursos e a posición social para facelo non tiveron a necesidade de axustarse completamente a esa norma, e as que non tiñan eses recursos, resistiron ou renegociaron os modelos en aras da supervivencia. Empregar a vestimenta como ferramenta de análise histórica permitiume explorar tanto as incorporacións do ideal de feminidade, como as súas transgresións, a partir da expresión sociocutural de xénero en clave sartorial.
Como cre que a moda foi utilizada como ferramenta de control social e de construción da feminidade durante o franquismo?
A moda e a indumentaria, aínda que foron empregadas para controlar e impoñer un modelo de xénero a través duns códigos de vestimenta, tamén foron utilizadas como ferramentas para a subversión. As mulleres que podían, utilizaban a moda como unha forma de autoafirmación ou para contrariar as expectativas sociais. Para moitas mulleres rurais, con dobres ou triplas xornadas de traballo, na doméstico e no extradoméstico, na casa e no campo, a moda podía non ser unha prioridade estética cotiá, pero podía ser unha forma para evadirse e divertirse, un modo para volver a imaxinarse, e ata un medio para obter un complemento económico mediante labores de agulla. Neste senso, entendo a vestimenta como un “discurso non verbal” e unha práctica cotiá que transmite moito máis do que parece. Lonxe de ser unha cuestión frívola e superficial, pensemos que a Igrexa e as falanxistas estableceron códigos moi específicos ao respecto; estas últimas fixaron, por exemplo, un uniforme con saia en lugar de pantalóns, para evitar comparacións coas milicianas republicanas e ser estigmatizadas por “hombrunas”. E por todo isto, coido que este campo é fascinante e ten tanto potencial. Aquí ando, a indagar sobre como as mulleres usaron a súa indumentaria para navegar, adaptarse e, nalgúns casos, subverter as normas, os roles, funcións e espazos delimitados polo réxime.
Cales son as súas liñas de investigación agora mesmo?
Fundamentalmente estou traballando no meu proxecto posdoutoral, CostuMe(s), financiado pola Xunta de Galicia, onde exploro os lazos entre o xénero, a vestimenta, a memoria e a cultura (in)material na España franquista. Pero, en realidade, as miñas liñas de investigación actuais son bastante diversas e buscan as sinerxías con outras liñas, como os estudos da violencia, o catolicismo, a familia, as disidencias sexuais ou as mulleres rurais, entre outras cuestións. Participo en cinco proxectos con financiamento estatal, catro deles do Ministerio de Ciencia e un do Ministerio de Igualdade. Estes proxectos implican traballar en colaboración con investigadores e investigadoras de diferentes universidades, non só de España, senón tamén de outros países. Precisamente nesa teima por establecer diálogos transnacionais, pero tamén transdisciplinares, coordino tamén unha sesión este verán con Natalia Núñez-Bargeño, investigadora do programa Marie Curie na Universidade de Lovaina, en Bélxica, para o XVII Congreso Internacional da Asociación de Historia Contemporánea en Valencia. Na nosa mesa participan dezasete investigadoras de seis países con reflexión arredor da vestimenta e abarcando desde o século XIX ata a actualidade.
Ademais, estou traballando coa miña compañeira de HISTAGRA Daniela Ferrández no estudo das disidencias sexuais na Galicia do primeiro terzo do século XX desde o punto de vista sartorial, un traballo que adiantarei un pouco a comezos de marzo en París. Un aspecto interesante deste proxecto é achegarnos ao Entroido e ás mascaradas desde o punto de vista da transgresión dos roles de xénero. Finalmente, pero nunca menos importante, estou traballando con Conchi, historiadora, colaboradora de HISTAGRA e coordinadora a pé de fosa do Plan de Memoria Democrática en Galicia, nunha investigación arredor os restos sartoriais descubertos nas fosas franquistas. Queremos achegarnos a un pasado incómodo, sanguento e doloroso desde un novo enfoque, desde algo intimamente relacionado cos corpos das vítimas: a roupa e os obxectos persoais.