Uxía celebra en Burela os seus 40 anos de traxectoria coa xira “Será por flores”

A cantante Uxía, unha das voces máis emblemáticas da música galega, regresará este sábado 1 de novembro a Burela para ofrecer un concerto dentro da súa xira Será por flores, coa que conmemora catro décadas de carreira musical.
A actuación terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Burela. As entradas, cun prezo de 5 euros, poden adquirirse no despacho da propia Casa da Cultura en horario de 10:00 a 13:00 horas.
O evento conta co apoio do Concello de Burela e da Xunta de Galicia a través da AGADIC, e forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que promove a difusión da música e das artes escénicas por todo o territorio galego.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, animou á veciñanza “a vir celebrar os 40 anos de traxectoria desta gran artista galega, nun concerto que, de seguro, será inesquecible”. Engadiu que a cita “é unha oportunidade única para gozar en directo dunha voz que leva décadas levando o nome de Galicia por todo o mundo”.
Nacida en Sanguiñeda, Mos, Uxía iniciouse na música tras gañar o primeiro premio no Festival de Bergantiños en 1985, e un ano despois publicaba o seu primeiro disco, Foliada de marzo. Desde entón, construíu unha traxectoria sólida e recoñecida, na que explorou diferentes estilos sen perder a súa esencia galega.
Considerada unha das principais representantes do folk e da música de autora en Galicia, Uxía destacou sempre pola súa capacidade para fusionar tradición e modernidade, creando un universo sonoro propio que a converteu nunha referencia da música en galego.
O concerto de Burela promete ser unha viaxe pola súa extensa carreira, chea de emoción, memoria e gratitude, nun encontro co público que celebra a forza e a beleza da palabra e da música galega.