Urxen a Xunta e Goberno mecanismos para paliar as perdas das gandeirías de carne
O Grupo Provincial do BNG levará ao vindeiro pleno provincial do 28 de decembro unha moción para demandar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado medidas eficaces e urxentes para paliar as perdas das gandeirías de carne.
Segundo explican desde a formación nacionalista, "a pandemia do Covid non fixo máis que agravar a situación de afogamento que leva padecendo o sector nos últimos anos debido a un incremento continuo dos custes de produción, agora disparados pola suba dos insumos, o gasóleo ou a electricidade".
Desde o BNG," esixen aos gobernos galego e estatal mecanismos eficaces que eviten que os gandeiros vendan a perdas e ferramentas que garantan a produtores e produtoras un verdadeiro poder de negociación fronte á industria e á distribución".
Nese sentido, a proposta que se presentará para o debate no Pleno demanda a creación dun foro ou mesa sectorial arbitrada pola Xunta de Galicia que tome decisións vinculantes; a creación, no desenvolvemento da Lei da Cadea Alimentaria, dunha ferramenta pública e accesible que determine o cálculo para obter os custos de produción de referencia así como a introdución nos contratos entre produtores e comercializadores de claúsulas de actualización automática ligadas á evolución dos custos de produción.
A moción do BNG tamén demanda á Consellería de Medio Rural un programa de axudas ao sector, que estableza pagamentos directos aos gandeiros e gandeiras e garanta a continuidade das granxas.
A deputada nacionalista Mónica Freire explicou que “a iniciativa pretende dar respaldo político e institucional as demandas dos gandeiros e gandeiras e situar no centro do debate as problemáticas dun sector fundamental para a provincia de Lugo, que conta con máis da metade das granxas de vacún de Galiza.
A tamén deputada de Medio Rural advertiu que “ de non existir solucións reais a curto e a longo prazo, moitas destas granxas veranse obrigadas a pechar, con consecuencias económicas, sociais e ambientais críticas, sobre todo en comarcas como A Fonsagrada, Os Ancares, O Courel ou mesmo Sarria ou a Terra Chá onde as gandeirías de vacún teñen un peso moi importante na riqueza e na xeración de emprego e no mantemento do territorio”.