Uns 400 hostaleiros da comarca recibiron as axudas do plan de rescate
Un total de 1.420 hostaleiros da provincia de Lugo acolléronse a algunha das tres liñas contempladas no primeiro plan de rescate da Xunta de Galicia, no que se investiron 4,3 millóns de euros no reparto de 2.803 axudas concedidas.
A cidade de Lugo foi a que percibiu un maior número de axudas, 912 en total, o que supuxo un investimento de máis de 1,7 millóns de euros, a maioría corresponden á liña de autónomos.
Dos 4.297.450 euros dedicados a responder ás solicitudes de toda a provincia, na capital investíronse 1.717.900 euros. Outros hostaleiros de concellos lucenses moi castigados pola pandemia, peches e restricións tamén obtiveron prestacións. É o caso de Monforte de Lemos, cunha partida de máis de 366.000 euros repartida entre 209 axudas; Viveiro, cunha cantidade de 320.000 euros para responder ás 170 solicitudes; Sarria, con 78 axudas ás que se destinaron preto de 200.000 euros; e Vilalba, concello no que 154 beneficiarios percibiron algo máis de 267.000 euros.
No que respecta a Galicia, as axudas do primeiro plan de rescate xa chegaron ao 90% dos máis de 40.000 solicitantes que cumpriron cos requisitos por importe de 66 millóns de euros.
Segundo plan de rescate
O Goberno galego anunciou que está a traballar no deseño do segundo Plan de rescate para autónomos, microempresas e sector da hostalaría pechado, aos que a Xunta destinará un mínimo de 50 millóns de euros adicionais, que se suman aos 86,2 millóns da primeira convocatoria. Deste xeito, nun prazo de 90 días a Xunta terá mobilizado preto de 140 millóns de euros destinados a axudas directas aos sectores mais afectados pola crise e as restricións sanitarias.
A gran diferencia co respecto ao primeiro plan desenvolvido pola Xunta é que terá unha xestión máis directa e con menos requisitos, o que permitirá axilizar os trámites para pagar máis rápido e chegar a mais xente.