Uns 180 peregrinos participaron no 'Camiño Gastronómico do Mar'
O 'Camiño Gastronómico do Mar' está organizado pola Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela para fomentar o consumo de peixe e promocionar o 'Camiño do Mar', ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.
Nas últimas sete fins de semana uns 180 peregrinos participaron nas diferentes etapas que foron percorrendo os 15 concellos da costa norte de Galicia, cruzando as comarcas da Mariña Lucense e Ferrolterra: Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón e Neda.
En total 100 quilómetros de paseos que pisaron lugares tan emblemáticos e coñecidos mundialmente como a praia de As Catedrais ou o santuario de San Andrés de Teixido, pasando polas igrexas de Santiago de Fazouro (Foz), Vila do Medio (Burela, pinturas do s.XV), San Pablo (Río Barba, O Vicedo); as capelas de San Andrés (San Cibrao, antigo hospital de peregrinos), Santa Ana (Celeiro, antigo hospital de peregrinos en Viveiro) ou San Pedro (Mañón); ou as ruínas do antigo mosteiro de San Tirso (Portocelo, Xove).
Un percorrido que atravesou incomparables paraxes naturais, costeiros e fluviais, e no que tamén se aproveitou para coñecer os principais recursos patrimoniais dos concellos polos que transita o Camiño do Mar.
Outro dos grandes obxectivos cos que se lanzou esta iniciativa gastronómica hai xa cinco anos era fomentar o consumo de peixe e promocionar o 'Peixe de Burela'.
Por iso, ao final de cada etapa, ofreceuse a todos os participantes unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo dos chefs da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrela Galicia e Cabreiroá. Este ano puidéronse degustar pratos de pescada do pincho, bonito do norte, peixe espada, tintorera, cabra de altura, xurel, rape, pota, bertorella ou congro, en representación das principales frotas do porto de Burela.
E, ademais da satisfacción de pisar camiños milenarios e saborear a gastronomía do mar, os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar 2024” tamén puideron ir selando en cada concello a súa particular “Compostela”, optando a un premio final que se sorteará nos próximos días: unha comida ou cea para dúas persoas no restaurante O’Asador del Alba (Barreiros), socio da Asociación Cociñeiros Lugo.
Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.