Unhas xornadas de formación sobre xeoturismo desenvolveranse na Mariña
A Mancomunidade de Concellos da Mariña organiza unhas xornadas de formación en xeoturismo para guías e empresas de turismo activo os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 19.00 horas.
Deste xeito, continuará o programa de Xeoturismo da Mancomunidade, que arrincaba o pasado mes de decembro, e que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade, co apoio da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
Esta formación ten como obxectivo formar a persoas que teñan a intención de traballar no territorio da Mariña como guías de actividades xeoturísticas.
“Os contidos que se abordarán son de interese para comprender os procesos xeolóxicos e as principais manifestacións xeolóxicas que atopamos na Mariña, para así poder ser quen de interpretar esas manifestacións e dalas a coñecer aos visitantes dun xeito sinxelo, ameno e entretido”, indica Rocío López, presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña.
A formación abordará cuestións como a introdución ao turismo xeolóxico, o perfil deste tipo de turista, o patrimonio xeolóxico da Mariña, a comercialización de produto xeoturístico ou a interpretación da paisaxe xeolóxica, entre outras.
Desenvolvemento da formación
Haberá unha parte teórica, impartida na salón de conferencias en Burela, e outra práctica; e as prazas ofertadas son 20, polo que as persoas interesadas en participar teñen ata o 15 de febreiro ás dúas da tarde para poder inscribirse.
O equipo docente estará formado por Fran Canosa, xeólogo e impulsor do turismo xeolóxico en Galicia; Iván Rodríguez, doutor en Xeoloxía e guía de xeoturismo; Isabel Rodríguez, docente en interpretación do patrimonio; e Cristina Collazo, docente en marketing turístico.