Unha viaxe a México sortearase no X Ribadeo Indiano entre a clientela do comercio local

O décimo Ribadeo Indiano chegará cun atractivo engadido para quen compre no comercio local: unha viaxe a México para dúas persoas que será sorteada o 13 de xullo, coincidindo co remate do concerto da mítica banda cubana Los Van Van na rúa San Roque.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo puxo en marcha unha nova edición desta iniciativa promocional coa que pretende dinamizar a actividade económica nas semanas previas ao evento. Entre o 20 de xuño e o 13 de xullo, os locais adheridos á campaña entregarán rifas ás persoas que merquen nos seus establecementos. En total, distribuiranse 160.000 papeletas.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “o obxectivo é seguir incentivando as compras no comercio local nun momento no que coinciden as rebaixas e o aumento do turismo”. Cruzado destacou que esta será a quinta vez que se premia a unha parella con unha viaxe ao continente americano grazas a esta iniciativa. “Este ano quixemos darlle un xiro e apostamos por México como destino. Seguimos a traballar para premiar a fidelidade da nosa clientela e poñer en valor o comercio de proximidade”, afirmou.
O xerente da asociación, Jesús Pérez, detallou as condicións do premio: unha estancia de sete noites para dúas persoas no hotel Iberostar Waves Quetzal, de cinco estrelas, en réxime de todo incluído. A viaxe, que se desenvolverá do 13 ao 20 de setembro, inclúe voos directos Madrid-México-Madrid, embarque preferente, asentos mellorados e acceso a actividades na Riviera Maia.
Pérez Prada tamén indicou que participar é sinxelo: basta con gardar as rifas seladas polos negocios e introducilas o propio 13 de xullo, entre as 12:00 e as 21:00 horas, na urna que se instalará fronte ao local Os Cocos, na rúa San Roque. As bases completas poden consultarse na web e redes sociais tanto de Acisa como do Ribadeo Indiano. Só serán válidas as papeletas co selo correspondente, e cómpre conservar a parte grande para o momento do sorteo.
Desde Acisa estiman que esta campaña poderá xerar un impacto económico de máis de 1,6 millóns de euros en apenas tres semanas. “Se facemos unha media de catro rifas por compra e un gasto medio de 40 euros, o efecto económico é moi importante para a vila”, sinalou o xerente.
A presidenta da entidade tamén agradeceu a colaboración das institucións públicas e empresas patrocinadoras: “Queremos recoñecer o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da Área de Cultura, e da Xunta de Galicia, así como do Concello de Ribadeo, co que organizamos conxuntamente este evento. Tamén estamos moi agradecidos a Cervexas Alhambra, Banco Sabadell, Caixa Rural, Vitaldent e Gestión Gratelu polo seu compromiso”.
Finalmente, Cruzado salientou o labor do persoal municipal e das persoas voluntarias: “O Ribadeo Indiano require moita organización e esforzo. Sen todas estas mans sería imposible acadar o éxito que este evento vén collendo ano tras ano”.
