Unha trintena de estudantes cervenses benefícianse das axudas municipais para o transporte

TerraChaXa | AMariñaXa
3 Xan 2019



O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Eduacación, Dolores García Caramés, entregaron as axudas para transporte ao alumnado que cursa estudos fóra do termo municipal; sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do Concello.


En concreto foron unha trintena os estudantes que, nesta ocasión, recibiron o cheque de 250 euros, incrementada o curso pasado en 50 euros.

Tal e como sinalou o rexedor, Alfonso Villares, “trátase dunha subvención financiada ao 100% con fondos municipais, e é unha forma de aportar o noso graniño de area á formación e educación dos nosos mozos e mozas”.

O obxectivo non é outro que o de “brindar apoio ás familias, porque somos conscientes do gran esforzo económico que supón para moitas delas a educación dos seus fillos; e contribuír, así mesmo, a que exista igualdade de oportunidades”.


Entre os requisitos, por exemplo, téñense en conta os ingresos económicos da unidade familiar, que debe estar empadroada no Concello de Cervo; e o alumnado debe ser menor de 30 anos.


Ademais ten que cursar algunha destas titulacións fóra do municipio: Ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no Concello de Cervo), ou calquera das seguintes ensinanzas en grao medio ou superior, como son FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ou deportivas.

0.14366316795349