Unha ruta interpretativa lembrará o percorrido do tren mineiro en Ribadeo

O concello de Ribadeo será o escenario dunha ruta interpretativa que permitirá descubrir, paso a paso, o legado industrial do antigo tren mineiro da Sociedade Minera de Villaodrid. A proposta terá lugar o sábado 22 de novembro, coincidindo coa celebración do 125 aniversario da histórica compañía, e está organizada polo CIT A Pontenova.
A xornada comezará ás 9:45 horas, coa concentración das persoas participantes no cargadoiro de Ribadeo, punto no que se repartirá unha mochila conmemorativa que inclúe auga e un pequeno petisco. Desde alí, cada participante desprazarase pola súa conta ata o cargadoiro de Porto Estreito, lugar onde ás 10:00 horas dará comezo o percorrido guiado, seguindo o antigo trazado ferroviario que conectaba a zona mineira co porto ribadense.
A actividade estenderase ata as 14:00 horas, momento previsto para o remate da andaina. O roteiro, pensado para un público amplo, presenta unha dificultade baixa e abrangue 5,6 quilómetros, polo que resulta accesible tanto para persoas con interese histórico como para quen busca unha experiencia cultural e ao aire libre.
A organización lembra que as prazas son limitadas a 25 persoas, asignadas por rigorosa orde de inscrición. Para participar é necesario contactar mediante chamada ou WhatsApp ao número 697 532 809. No caso de haber dispoñibilidade, facilitaranse as indicacións para completar a inscrición e realizar o ingreso.
O prezo da actividade é de 7 euros, que inclúe a mochila conmemorativa e o seguro de responsabilidade civil. O prazo para formalizar as anotacións remata o xoves 20 de novembro.
A iniciativa busca poñer en valor o patrimonio industrial compartido entre A Pontenova e Ribadeo, ademais de ofrecer unha oportunidade única para coñecer a historia do transporte mineiro a través dun percorrido documentado, acompañado e adaptado a todos os públicos.