Unha nova analítica confirma a aptitude da praia de Celeiro para o baño, non obstante, a prohibición continuará vixente

AMariñaXa
A parroquia vivariense de Landrove invita a participar da quinta festa da paella, que se celebrará no atrio da igrexa,
concentracion vecinal viveiro praia celeiro pechada
21 Aug 2023

O Concello de Viveiro anuncia que unha nova analítica confirma a aptitude da praia de Celeiro para o baño, non obstante, a prohibición de bañarse no areal continuará vixente. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, xunto á tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, e outros membros do equipo de goberno reuníronse hoxe cos veciños e veciñas para explicar a situación. Neste sentido, recalcaron que esta analítica enmárcase no control da auga que realiza o Concello semanalmente na praia de Celeiro.

"Dende o Goberno local presentamos a documentación correspondente aos representantes veciñais, para informalos con total transparencia sobre o estado da calidade da auga", recalca Loureiro sobre a reunión informativa, na que tamén estivo presente a técnica municipal de medioambiente.

Recentemente, o areal foi suprimido do programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia da Consellería de Sanidade, unha circunstancia que implica a prohibición do baño nesta praia. Malia que as analíticas máis recentes avalan o baño nesta praia, os resultados microbiolóxicos obtidos nas pasadas tempadas obrigaron ao Concello a prohibir o baño.

"A prohibición baséase nos resultados de anos anteriores, pero as últimas analíticas confirman que é apta para o baño, ao que se suman as obras de mellora na EDAR de Celeiro e no emisario. Por iso, solicitaremos de novo a inclusión da praia de Celeiro no programa de vixilancia sanitaria de zonas de baño", sinala a tenenta de alcaldesa.

Mentres dure a exclusión da praia do programa da Consellería de Sanidade esta deixará de facer un seguemento deste areal nas próximas tempadas de baño, debendo o Concello colocar carteis indicando a prohibición de non bañarse.

Dende o Concello informarase ademais aos usuarios da praia do resultado das últimas analíticas mediante a colocación de carteis no propio areal, para que estes teñan coñecemento da situación actual da calidade da auga.

0.17937397956848