Unha moción da alcaldesa demanda a exención da pesca accidental

TerraChaXa | AMariñaXa
O equipo de goberno presentou unha moción para promover unha declaración institucional do Concello de Viveiro co obxecto de demandar a exención da pesca accidental, dentro da modalidade de pesca artesanal, do sistema de TAC,s e cotas implantado pola UE, para o seu debate e aprobación, se procede, por parte da corporación municipal.
24 Xan 2019

O equipo de goberno presentou unha moción para promover unha declaración institucional do Concello de Viveiro co obxecto de demandar a exención da pesca accidental, dentro da modalidade de pesca artesanal, do sistema de TAC,s e cotas implantado pola UE, para o seu debate e aprobación, se procede, por parte da corporación municipal.
Esta moción foi presentada, a instancias da Confraría de Pescadores Santiago Aposto de Celeiro, en apoio ao sector pesqueiro artesanal (pesca de baixura); este equipo de goberno considera que é unha moción acertada tendo en conta a problemática que ten en moitos casos a pesca artesanal, que xera gran cantidade de empregos directos e indirectos.
A presente iniciativa detalla que ten como principal obxectivo "pór de relieve a desigualdade de trato e a inxustiza existente no sector pesqueiro por mor do actual sistema de reparto de TACs e cotas (distribución das posibilidades de pesca) para a frota de artes menores".
Ata fai pouco, na Unión Europea (UE) definíase a pesca costeira artesanal como a desenvolvida por buques inferiores a 12 metros de eslora e con determinadas artes de pesca. Toda a pesca executada por buques de eslora maior ou con artes non contempladas como artesanais pola UE, entrarían dentro da denominación de industrial.
"Elo implicaba que todas as embarcacións maiores de 12 metros quedarían fóra da categoría de pesca costeira artesanal, supoñendo importantes prexuízos para esta frota. A día de hoxe, a UE está a utilizar unha definición multiparamétrica da pesca costeira artesanal, sendo necesario para o recoñecemento desta frota como tal, o cumprimento de alomenos tres, do cinco criterios seguintes: 1. Eslora das embarcacións inferior a 12 metros. 2. Distancia do caladoiro, faenar dentro de augas nacionais. 3. Duración máxima das mareas: 24 horas. 4. Utilización de artes de pesca sostibles. 5. Máximo de 4 tripulantes enroladas e a bordo", detallan.
Ata o ano 2013, a normativa estatal na materia establecía uns criterios para o reparto e xestión das cotas de diferentes especies por modalidades de pesca e dentro de cada modalidade por tripulante embarcado a bordo e día.
A partir da dita anualidade e a través da Orden AAA/1307/2013, do 1 de xullo, derrogada pola Orden AAA/2534/2015, establecéronse plans de xestión para a distribución das posibilidades de pesca e un sistema de reparto distinto ao que historicamente se viña aplicando, vencellado directamente cos datos de consumo de capturas históricas (datos obrantes na SEGEPESCA do período 2002-2011), ás que se lle deron prioridade fronte a aspectos socio-económicos das frotas afectadas nas distintas pesqueiras, ou o que é o mesmo, sen terse en conta que Galicia representa o 90 % da frota de artes menores do Cantábrico-Noroeste, e a que, en aplicación do criterio por históricos, non acada máis dun 15% de cota nalgunhas especies.
"Pasouse dunha pesqueira lineal para todos os buques (cada embarcación dentro das súas capacidades de pesca e almacenamento e sen criterios de reparto por comunidade autónoma ou outras divisións territoriais) para se convertir nunha fonte de desequilibrio interrexional dentro dun mesmo estado", puntualizan.
"Asemade, catro anos despois da entrada en vigor da nova política pesqueira comunitaria (PPC), o sector da pesca artesanal segue sen poder cadrar esixencias, prohibicións e obxectivos. Bruxelas deixouno sen marxe de manobra, combinando cotas escasas e unha impracticable obriga de desembarco para todas as capturas. Dende o 01/01/2019 coa aplicación da política de "descartes cero", poderá haber embarcacións que teñan que parar, despedir tripulacións ou incluso ser despezadas.
A PPC, non está pensada nin adaptada á realidade da pesca artesanal e na UE só se escoitan e teñen en conta as demandas dos grandes lobbies pesqueiros, sen porse en marcha medidas específicas para este segmento de frota. Sen dúbida haberá problemas, e podería chegar un momento no que a pesca artesanal quedase desmantelada.
Trátase pois dunha preocupante situación, de todo dramática para as comunidades pesqueiras de Galicia, altamente dependentes dunha actividade que dá emprego directo a máis de 9.000 persoas.
En definitiva está dabondo demostrado que no intre de repartir as posibilidades de pesca, a frota artesanal sempre sae mal parada e discriminada, aínda tratándose da máis sostible, sustentable e respectuosa co medio mariño e a que garante menores capturas, mais de maior calidade", conclúen.
Por todo o anteriormente exposto, a alcaldesa do Concello de Viveiro, en representación do equipo de goberno do Concello, solicitará ao Pleno que se redacte un escrito dirixido aos membros da Corporación Municipal, para que adopten e executen as varias decisión como promover e consensuar as medidas necesarias para materializar a exclusión das capturas accesorias da frota costeira artesanal do sistema de TACs "dado o seu escaso impacto no estado dos recursos mariños".
Solicitar tamén un tratamento distinto e diferenciado da xestión das posibilidades de pesca da frota artesanal con respecto ás frotas industrial e semiindustrial
Como explica a moción, as embarcacións de pesca costeira artesanal son de pequeno porte, utilizan artes e aparellos de pesca altamente selectivos, desenvolven a súa actividade pesqueira de forma tradicional, sostible, cun baixo volume de capturas de especies moi diversas e de gran calidade.
A pesca costeira artesanal nas súas diferentes modalidades realízase de xeito exclusivo en augas interiores e cunha importante dependencia socioeconómica, tendo en conta a gran cantidade de postos de traballo que xera, tanto directos como indirectos.
"Xa que logo, queda suficientemente demostrado que a incidencia da pesca costeira artesanal é socialmente moito máis relevante que a industrial ou semi-industrial e, polo tanto, estímase esencial a súa protección e salvagarda, propoñendo a súa regulación a través de criterios específicos e consecuentes, e en ningún caso mesturados con outras pesqueiras de intereses moi distintos", din.
Ademais solicitan continar reclamando que a pesca costeira artesanal quede exenta da obriga de desembarque.
"É indubidable que a decisión de política de descartes cero tomouse de xeito precitado no seo da UE, sen facerse os estudos correspondentes e sen ter en conta as pesqueiras multiespecíficas nas que desenvolve a súa actividade a frota costeira artesanal galega.
O feito de aplicar o regulamento tal e como está redactado, podería supoñer que non se poida desenvolver a actividade pesqueira, cando se poden acreditar as boas condicións dos caladoiros galegos, debido a forma de traballo sostible da pesca costeira artesanal", conclúen.

0.19379997253418