Unha homenaxe viva á verbena galega feita desde a experiencia

“Queríamos facer un pequeno tributo ou unha homenaxe a todas aquelas orquestras e grupos musicais que marcaron época”
Por Ana Somoza
Hai iniciativas que nacen da paixón, outras da lembranza, algunhas do desexo de crear algo novo. Trova da Mariña nace da suma de todo iso, pero cun ingrediente extra: o amor pola música vivida e compartida ao longo dunha vida enteira. A nova orquestra, con sede en Viveiro e formada maioritariamente por músicos xubilados, busca reivindicar o valor da música en directo e render tributo a unha época na que as formacións musicais tiñan nome, carácter e estilo propio.
TRIBUTO MUSICAL. Lino Rico, director musical da formación, explicounos con detalle a orixe, a filosofía e os obxectivos desta iniciativa que, malia ser recente, conta xa cunha sólida estrutura e moita ilusión. Rico, coñecido pola súa ampla traxectoria como pianista, entre outros lugares, no salón do Gran Hotel de Lugo, destaca que a idea xurdiu “dun xeito natural, falando entre compañeiros”.
A maioría dos integrantes coñécense de toda a vida: compartiron escenarios, ensaios e quilómetros de estrada. “A formación nace no Conservatorio de Viveiro, ademais somos case todos da Mariña, menos Lolo Castro que é de Lugo, e xa nos coñecíamos de tocar e tamén da vida en xeral”, conta. A chispa prendeu nunha conversa entre amigos, pero axiña se converteu nun proxecto serio, con identidade propia. “Un día falando entre todos decidímonos a facer esta orquestra”, lembra Rico.
ESTILO PROPIO. Mais a iniciativa non era un capricho momentáneo, senón un soño compartido que foi tomando forma co tempo. Querían facer “un pequeno tributo ou unha homenaxe” a todas aquelas orquestras e grupos musicais que marcaron época durante as décadas dos sesenta, setenta, oitenta e noventa. Naqueles tempos, como apunta o director musical, as formacións tiñan “unha personalidade especial, un estilo ou un selo, por dicilo así”. Algo que, segundo el, se perdeu un pouco co paso dos anos: “Non é como agora, que parece que todas ou a maioría fan unha música moi parecida”.
Trova da Mariña quere recuperar esa esencia, non desde a nostalxia paralizante, senón desde o recoñecemento e a continuidade dunha tradición. A orquestra está formada por doce músicos cunha ampla traxectoria musical. Tres deles son vocalistas: Mario Vale, Marga Gutiérrez e Lolo Castro. A instrumentación repártese entre Luís, trombón e bombardino; Milucho e Manolo, trompetas; Vicente e Trigo, saxofóns; Jony, batería; Bruno, baixo; José Manuel, guitarra, e o propio Lino Rico ao piano. “Tamén hai que mencionar a Luís Iglesias que é o noso arreglista”, engade Rico, subliñando o labor fundamental deste último para darlle forma ao repertorio e ao son característico da formación. Trova da Mariña non busca innovar desde a ruptura, senón desde a fidelidade ao espírito das verbenas de antes. O seu repertorio baséase en pasodobres, cumbias, baladas e cancións melódicas. “Non tocamos nin reguetón nin nada así. Non compoñemos as nosas propias cancións”, admite Rico con naturalidade. O obxectivo non é outro que o de facer desfrutar á xente, evocando sons que forman parte da memoria musical colectiva de Galicia.

MÚSICA EN DIRECTO. Pero se hai algo que distingue a esta orquestra das demais é que toda a música que interpretan é completamente en directo. Sen pregravados, sen trucos de estudo, sen pistas de apoio. Unha decisión consciente e coherente coa súa visión da música como acto vivo e compartido. “O noso principal punto é a música totalmente en directo”, sentencia Rico. A diversidade de traxectorias dos integrantes non é un obstáculo, senón un valor engadido. Todos eles veñen de estilos e experiencias diferentes, pero comparten un mesmo enfoque musical. “Somos músicos da comarca da Mariña que contamos con moita historia e coñecemento da verbena galega porque por moitos anos participamos neste tipo de eventos a nivel rexional, nacional e mesmo no estranxeiro”, explica o director.
ESPÍRITO COLECTIVO. Ademais, Trova da Mariña non é un grupo pechado. Ao contrario, está aberta a novas incorporacións. “Se alguén ten interese en formar parte só ten que contactar no Conservatorio”, anima Rico, convencido de que hai máis músicos con ganas de recuperar esa maneira de facer música. O espírito que move a esta formación non é comercial nin competitivo. “O importante é pasalo ben. Iso é o primordial. Facémolo sen ánimo de lucro”, confesa Rico. A paixón pola música é o motor que os impulsa, e o compañeirismo entre os membros, o combustible que os mantén unidos.
Xa realizaron tres actuacións en Viveiro, con moi boa acollida por parte do público. “Nas actuacións que xa fixemos fomos moi ben recibidos”, asegura o director, quen avanza que teñen xa previstas novas datas para o verán de 2025, en lugares como O Valadouro, Ribadeo e de novo Viveiro. “Son todas interesantes, porque realmente o que nos satisfai é tocar e estar xuntos”, engade.
Tamén contan co apoio do Concello, que lles facilita unha aula no Conservatorio para ensaiar e axuda loxística para os desprazamentos. “Temos axuda do Concello para todo”, recoñece Rico, agradecido por este respaldo institucional que lles permite centrarse no que verdadeiramente importa: a música.
TRADICIÓN COMPARTIDA. Cando se lle pregunta como lle gustaría ver a Trova da Mariña dentro de cinco anos, Rico responde con humildade: “Pois a verdade é que non o sei. O máis importante sería estar igual, é dicir, manternos, pero tamén gustaríanos contar con algún membro máis. Iso sería xenial”. Non lles interesa a fama nin os grandes escenarios. Están noutra fase da vida, como di el mesmo, e viven este proxecto desde unha perspectiva máis sosegada, máis centrada no pracer de compartir.
Porque, como sostén Rico, “a música é unha menciña para a mente e a alma”. Para el, das artes existentes, é a que entra “máis directa na mente”, e por tanto, non é algo material, senón espiritual. “É unha vitamina estupenda para todos os males”, conclúe. En tempos de música enlatada, sons uniformes e espectáculos cada vez máis dependentes da tecnoloxía, Trova da Mariña eríxese como unha alternativa honesta, coherente e emotiva. Un proxecto que mira cara atrás para avanzar, que recupera a autenticidade da música en directo e a calor do contacto humano. Un exemplo de como a paixón non entende de idades e de como a experiencia pode ser o mellor ingrediente para manter viva a cultura popular.
O legado das verbenas galegas segue soando, e faino cun novo nome: Trova da Mariña.