Unha festa con sabor a lembranzas

AMariñaXa
A Enfariñada, o prato humilde que sostivo xeracións en tempos difíciles e que hoxe é protagonista dunha gran celebración
Enfarinada-Trabada
1 May 2025

O primeiro domingo de maio, Trabada vístese de festa para celebrar un dos seus eventos máis emblemáticos: a Festa da Enfariñada. Este encontro gastronómico, que xurdiu no ano 2018, converteuse nunha homenaxe á cociña tradicional e á memoria das xeracións que fixeron deste prato un alimento imprescindible nos tempos de escaseza. Rubén García Freije, alcalde do concello, destaca a importancia desta celebración: “Esta festa é unha homenaxe ás antigas xeracións do noso concello, pois durante a posguerra a xente alimentábase deste prato, xa que contén uns ingredientes moi básicos que podían atoparse en todas as casas. Foi unha forma de combater a pobreza dese tempo”. A enfariñada, sinxela na súa preparación pero rica en historia, leva ovos, fariña, auga e un chisco de sal. Nalgunhas variantes, engádeselle leite, e pódese consumir doce ou salgada. “A da festa de Trabada faise con leite e cun pouquiño de sal, pois despois poñemos touciño ou torresmos para acompañar”, explica o alcalde.

COCIÑA TRADICIONAL

Carmen Rodríguez, máis coñecida polos veciños como Carmen de Montaña, é unha das voluntarias que manteñen viva esta tradición. Aos seus 78 anos, é a máis veterana das cociñeiras da festa e garda con agarimo as lembranzas de cando era nena. “Para min significa moito porque lembro os meus tempos de nena. Tamén de moza, cando me fun vivir fóra de España e volvía a Trabada, a miña nai cociñábaa. Había que comela si ou si”, conta con emoción. Carmen ten claro cal é a clave para unha boa enfariñada: o repouso. “Para min non é un truco, pero creo que o segredo da enfariñada está en deixar repousar a masa ou amoado durante varias horas”. Ademais, a súa variedade favorita é a de Trabada: “Sen dúbida, salgada e con torresmos”. Outro dos rostros imprescindibles desta festa é Mari Carmen Orea, voluntaria cociñeira de 70 anos, que leva participando dende a primeira edición. “Durante a festa somos moitas cociñeiras e polo momento só hai un home, pero hai que dicir que o fai moi ben”, comenta entre risas. Mari Carmen explica con detalle o proceso de preparación: “Hai que mesturar ben o leite ou a auga, dependendo de quen a faga, coa fariña, os ovos e o sal. Mínimo hai que deixala repousar unha hora, pero a verdade é que canto máis tempo repouse, mellor sabe”.

PUNTO DE ENCONTRO

A Enfariñada non é só unha festa gastronómica, senón un punto de encontro para os veciños de Trabada e para todos aqueles que queren descubrir as súa tradicións. O evento conta ademais con postos de artesanía, demostracións en vivo e actuacións musicais que amenizan a xornada. O alcalde lembra con especial agarimo a implicación da comunidade: “Outros compañeiros e máis eu axudamos a preparar o amoado, é dicir, a mestura inicial, para deixala repousar durante varias horas e que estea lista para cociñar. Madrugamos ese día para garantir que saia coa mellor calidade”. En cada edición, centos de persoas achéganse ata Trabada para degustar este prato. “O ano pasado vendemos unhas 500 racións aproximadamente a un prezo de 5 euros. No prezo inclúese unha cunca elaborada pola Asociación Saúde Mental da Mariña. Ano tras ano seguimos contando con eles porque cremos que é unha forma de colaborar e darlle unha esencia diferente á festa”, detalla García Freije.

UN PRATO CON HISTORIA

Para moitos, a enfariñada é máis que un prato: é unha parte da súa historia familiar. “Venme á memoria a miña nai ou a miña avoa paterna na cociña de lareira, cociñándoas nunha placa de ferro. Saíalle perfecta, non se queimaba”, lembra Carmen de Montaña. Para Mari Carmen Orea, a enfariñada está vinculada aos recordos de infancia: “Lembro cando eramos cativos, meus irmáns e máis eu, mirando na casa como cociñaba a nosa nai, e segundo a cociñaba xa nola daba a comer ben quentiña”. A día de hoxe, a festa da Enfariñada segue sendo un evento moi especial para os trabadenses. “Meu fillo, que vive en Alemaña, gústalle moito, e aos meus netos encántalles. Aló hai unha cousa que se chama spätzle que é un prato parecido, o que me di que nos tempos da guerra e posguerra todos subsistían dun xeito moi similar”, conta Carmen de Montaña.

 

UNHA CITA INELUDIBLE

A festa da Enfariñada segue a medrar ano tras ano, converténdose nun referente gastronómico e cultural da comarca. Para os veciños de Trabada, é moito máis que unha festa: é unha xornada de lembranza, de convivencia e de posta en valor dun prato que forma parte da súa identidade. Como di Mari Carmen Orea: “É un día moi especial no que se achega moita xente ao pobo, hai moita actividade, música... É unha cita moi sinalada”. O 4 de maio, Trabada abrirá de novo as súas portas para celebrar con orgullo unha festa que, máis alá do sabor, garda nas súas receitas a memoria dunha terra e a esencia da súa xente. Quen se achegue a esta celebración non só descubrirá un prato cheo de historia, senón que levará consigo un anaco da alma de Trabada.

Enfarinada-trabada-4
⚙ Configurar cookies
0.16227698326111