Unha escolar de Barrreiros gaña o certame de Poesía de Nadal
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de entregar os premios aos nove escolares gañadores do certame de Poesía de Nadal que convoca a Biblioteca Pública de Lugo, en colaboración con outras bibliotecas públicas da provincia.
Na categoría ata 8 anos, o primeiro premio foi para Paula Méndez Bajatierra, de Barreiros, o segundo para Pablo Coucheiro Rodríguez, de Antas de Ulla, e o terceiro para Candela Fernández Rodríguez, de Sober.
Na categoría de 9 a 11 anos os gañadores foron, por esta orde, Brais Rodríguez Álvarez, de Sober; Nicolás Fernández Vázquez, de Lugo; e Keira Montes Smith, da Pobra do Brollón.
E finalmente, na categoría de 12 a 16 anos, o primeiro premio foi para Nerea Quiroga Rodríguez, de Monforte de Lemos; Nuria Devesa Núñez, de Lugo; e Gabriela López Mesa, de Antas de Ulla.
A Xunta publicará un libro con todos os poemas premiados. Ademais, cada un dos gañadores recibiu como regalo un lote de libros e unha figura de Sargadelos.
O delegado territorial, Javier Arias, felicitou aos rapaces e rapazas cuxos traballos foron recoñecidos nesta edición e animounos "a seguir cultivando a súa afección polas letras, xa que a poesía e todas as expresións da cultura abren unha fiestra á esperanza en momentos tan complicados como nos tocou vivir nesta pandemia".
O xurado desta nova edición do certame de Poesía de Nadal estivo formado pola responsable da área de Cultura da Xunta en Lugo, María José Gómez Rodríguez, a escritora Ana Carreira, o xornalista Xulio Xiz e María Elena García Pazos, en representación da Biblioteca Pública de Lugo.