Unha enquisa oficial chamará ás portas dalgúns fogares en Viveiro para radiografar as condicións de vida das familias

AMariñaXa
O Instituto Galego de Estatística realizará o traballo de campo en Viveiro entre o 20 de abril e o 17 de maio con persoal debidamente acreditado
VIVEIRO ria
Vista de Viveiro e a súa ría. Foto: manuelfouce, vía Wikimedia Commons (CC BY 2.0)
8 Apr 2026

O Instituto Galego de Estatística desenvolverá nas vindeiras semanas en Viveiro a Enquisa Estrutural a Fogares, unha operación oficial coa que busca coñecer con máis detalle a realidade social e económica das familias galegas.

O traballo de campo realizarase entre o 20 de abril e o 17 de maio. Durante ese período, as vivendas seleccionadas recibirán previamente unha carta informativa na que se explicará o obxectivo da enquisa e as distintas vías habilitadas para responder.

A investigación recompilará datos sobre cuestións como o nivel de estudos, os ingresos, os gastos do fogar e outros aspectos relacionados coas condicións de vida da poboación. O obxectivo é obter unha fotografía máis precisa da situación dos fogares galegos.

As visitas serán efectuadas por persoal enquisador debidamente acreditado. O organismo autonómico lembra ademais que toda a información facilitada estará protexida polo segredo estatístico e será tratada con carácter estritamente confidencial.

Para resolver dúbidas, as persoas interesadas poden contactar co Instituto Galego de Estatística no teléfono gratuíto 900 102 104, de 9.00 a 14.00 horas. Tamén está dispoñible o teléfono 981 541 390.

0.11947321891785